Opinión

O BNG rompe o cordón sanitario

Nas pasadas eleccións, o nacionalismo acadou 40-45% dos votos nos barrios dalgunhas cidades; superou 25% nas provincias de Lugo e Ourense e logrou  31,57% no conxunto de Galiza. Son datos moi claros que indican que rompeu o cordón sanitario que até agora o condenaba a ser unha anomalía dentro do noso marco político. 

É posíbel ignorar 10 ou 15% dos votantes dun partido, pero é imposíbel facelo cando se trata do 30 ou do 40%. En correspondencia con ese resultado, o BNG converteuse nunha forza de goberno. Por aí deberá encamiñar a súa estratexia a partir de agora. 

Este cambio non impide que nalgúns ámbitos sociais influentes, como os financeiros, así como en certos círculos profesionais e colexios privados, ese cordón continúe aplicando o seu apartheid. Tampouco impedirá que os medios de comunicación concertados lle sigan dedicando menos espazo que aos partidos estatais e que, sobre todo, o sigan tratando como un invitado non desexado ou como unha forza continxente.

Pero, nunha democracia, o que debe importar é o peso da opinión pública. E o que acabamos de ver é que a sociedade mudou. Non só debido ao cambio xeracional. O mundo comeza a ser outro. Tanto o cambio climático, como a crise económica que sacode Occidente, están a darlle pulo a ideas como a de producir, no posíbel, o que consumimos; á de coidar o medio ambiente ou á de que, á hora da verdade, os principios universais só se poden aplicar cando se ten arraigo local. Isto condúcenos ao concepto de soberanía –o que non significa illamento– como principio reitor das principais políticas. O soberanismo cobra máis actualidade. Non só entre nós.

O exercicio da soberanía debería empregarse como un instrumento democrático permanente, e nas diversas escalas do poder, que sirva para que as reivindicacións da base social sexan decisorias. Como se entenden as concesións á medicina privada, en contra da inmensa maioría da opinión pública, se non é violentando a vontade democrática? Como se permite que competencias autónomas, avaladas polo noso Estatuto, sigan sen ser recoñecidas tantos anos despois? En base a que empresas enerxéticas ou mineiras foráneas teñen manga ancha sobre o noso territorio? Con que sustento legal conta ese españolismo recalcitrante que, día tras día, nos tratan de impoñer desde a dereita mediática?

O BNG podería comezar a resolver problemas tan urxentes como olimpicamente ignorados polos actuais poderes públicos; podería lograr que cando menos unha parte desa extensa poboación que nunca vota comece a crer na política e, sobre todo, pode ilusionarnos. 

A ilusión é importante, porque toda sociedade necesita unhas metas. E, como as Tanxugueiras, precisamos ir á nosa raíz para modernizarnos. 
Tanxugueiras é, por certo, unha variante local de Teixugueiras, lugar onde hai teixugos e nome da principal avenida do novo polígono de Navia, Vigo, onde o BNG conseguiu 45% dos votos. Tradición e modernidade nunha única palabra que ben podería servirnos de metáfora.

Comentarios