Opinión

Outro relato sobre a alta velocidade e o futuro do tren (I)

A foto da viaxe o pasado 20 de decembro desde Madrid a Ourense en tren de alta velocidade (TAV) na que participaron, entre outros, o rei Felipe VI, o presidente do goberno Pedro Sánchez e o presidente da Xunta Alberto Núñez Feixoo, pode transmitir esta mensaxe: PSOE e PP, despois de moitos anos, conseguen que Galiza teña alta velocidade para comunicarse coa Meseta. Que se poida ir de Ourense a Madrid en 2 horas e 15 minutos é unha boa noticia que, sen dúbida, é ben recibida pola maioría da cidadanía, outra cousa é o prezo regular cando non hai ofertas. Pero cómpre outro relato porque o atraso ten unhas raíces políticas, é dicir, as decisións que tomaron os sucesivos gobernos do PSOE e PP marxinando a Galiza, sempre apoiadas polas sucursais destes partidos en Galiza.

Inaugúrase o AVE Madrid Sevilla (14-4-1992) e o Parlamento Galego, a iniciativa do deputado do PSG-EG Camilo Nogueira aprobaba o 10 de marzo de 1993 e por unanimidade a modernización do ferrocarril galego, a súa inclusión no Plan Director de Infraestruturas (PDI), a unión por vías rápidas de todas as cidades galegas e a integración de Galiza na rede de alta velocidade. O deputado galego do PSOE José Manuel Castedo manifestaba no Congreso o apoio a ese PDI "que tiene como objetivo que A Coruña y Vigo estén unidos con Madrid por tren en menos de seis horas" (La Voz de Galicia, 16-2-1993). O goberno do PSOE, que preside Felipe Gónzález, aproba o 4 de marzo de 1994 o PDI, cun investimento de 18 billóns de pesetas en diversas infraestruturas e a construción de 2.200 quilómetros de tren de alta velocidade, que deixaba a Galiza sen TAV.

O Parlamento galego aproba por unanimidade o Plan de Modernización do Ferrocarril Galego o 22 de decembro de 1995, pero cando ese Plan chega o 17 de setembro de 1996 ao Congreso a través dunha Proposición non de Lei do BNG, o PP vota en contra e o PSOE abstense, sendo Emilio Pérez Touriño o seu portavoz. Alfredo Suárez Canal deputado do BNG no Parlamento da Galiza xa adiantaba: "A Xunta trata os galegos como os indios; van a Madrid e só traen abelorios. Deixen de traizoar a Galiza" (La Voz de Galicia, 12-2-1998).

Continuou a marxinación da Galiza. O goberno do PP, que preside José María Aznar, presenta o 24 de xaneiro de 2000 o Plan de Infraestruturas 2000-2007 e Galiza non aparece nos plans de alta velocidade. Fraga e Cuíña asinan en Madrid con Álvarez Cascos un novo convenio o 21 de xuño de 2000 para a construción do AVE, dentro do Plan de Infraestruturas 2000-2007; o TAV chegaría á Galiza en 2007 e A Coruña e Vigo estarían conectadas con Madrid en catro horas. Cuíña, eufórico, declaraba: "O compromiso de Aznar é histórico para a nosa terra, transcendental para situar Galiza en plano de igualdade coas rexións más competitivas de Europa".

O ministro de Fomento Francisco Álvarez Cascos confirma o 22 de xaneiro de 2001 no simposio Viaria Galicia 2001-2010, que o único tramo de alta velocidade será Ourense-Santiago e que desde a capital da Galiza haberá trens lanzadeiras ás cidades da Coruña e Vigo. PSOE e PP camiñan xuntos e no Pleno da Coruña de 12 de marzo de 2001 non apoian unha moción do BNG que instaba a Fomento a realizar os investimentos necesarios para que a conexión da Coruña coa Meseta e o Eixo Atlántico fose a través de alta velocidade.

Despois da catástrofe do Prestige chega o Plan Galicia, aprobado polo consello de ministros que preside Aznar na Coruña o 24 de xaneiro de 2003, que concretaba para 2010 a conexión da Galiza con Madrid e que o tren chegaría de Ferrol a Bilbao en dúas horas, unha marabilla! Non se cumpriu ningún dos convenios, nin as promesas.

Comentarios