Opinión

Xustiza social e soberanía: unha mesma loita

Se todas e todos fixeramos caso ao que din estes días os medios de (des) información sistémicos deberíamos estar dando chimpos de ledicia, porque (seica) se inicia unha etapa de crecemento da economía. Non hai dúbida que as cifras macro amosan un medre do PIB na Unión Europea, especialmente en Alemaña e Francia, mais é moi cativo (0,7% e 0,5% respectivamente) polo que non permite xerar emprego, e ademais ninguén pode asegurar que se manteña no futuro este avance e tampouco que aumente. Pode ser un dente de serra moi curto, como xa aconteceu durante esta conxuntura. Sen esquecer que o novo emprego que se crea é temporal, con condicións laborais degradantes e salarios miserentos. Isto acontece mesmo no país que se considera a locomotora da UE, Alemaña, onde existen oito millóns de contratos mini-jobs cun salario medio mensual de 400 euros.

Se todas e todos fixeramos caso ao que din estes días os medios de (des) información sistémicos deberíamos estar dando chimpos de ledicia, porque (seica) se inicia unha etapa de crecemento da economía. Non hai dúbida que as cifras macro amosan un medre do PIB na Unión Europea, especialmente en Alemaña e Francia, mais é moi cativo (0,7% e 0,5% respectivamente) polo que non permite xerar emprego, e ademais ninguén pode asegurar que se manteña no futuro este avance e tampouco que aumente. Pode ser un dente de serra moi curto, como xa aconteceu durante esta conxuntura. Sen esquecer que o novo emprego que se crea é temporal, con condicións laborais degradantes e salarios miserentos. Isto acontece mesmo no país que se considera a locomotora da UE, Alemaña, onde existen oito millóns de contratos mini-jobs cun salario medio mensual de 400 euros.

"A  alta burguesía e os partidos sistémicos están máis atentos á evolución da Bolsa e aos dividendos empresariais que á grave situación social"

En realidade, alén do que digan os medios, a alta burguesía e os partidos sistémicos están máis atentos á evolución da Bolsa e aos dividendos empresariais que á grave situación social. Neste aspecto, se nos cinguimos ao comportamento das multinacionais e grandes fortunas, para alén dalgunha excepción, desbordan optimismo. Primeiro, porque socializaron as perdas da burbulla inmobiliaria e da especulación financeira, facéndolla pagar aos estados (ou sexa, a todos e todas) por varios mecanismos (axudas a fundo perdido, achegas, xuros, subvencións fiscais, etc.). Segundo, porque aproveitaron a “crise” para desregular o mercado laboral (rebaixando salarios, aumentando e flexibilizando a xornada, facendo normal a contratación precaria e indemnizacións ridículas por despedimento improcedente, eliminando a ultraactividade nos convenios, etc). Garanten así menores custes laborais e aumentan a taxa de lucro, é dicir, unha maior explotación laboral. E sobre todo pretenden conseguir a derrota estratéxica da clase traballadora. Terceiro, queren ademais ampliar o negocio, limitando a situacións moi estremas as axudas sociais e as prestacións públicas básicas. Cuarto, e moi importante para Galiza, dan un forte pulo á centralización empresarial e homoxeneización do mercado (tamén da información, da cultura, etc). Quinto, xa non dependen do mercado interno para o consumo, nen para a produción, polo que invisten alí onde obteñen maiores lucros inmediatos e pagan menores impostos, ou sinxelamente agóchanse nos paraísos fiscais.

Non é polo tanto unha casualidade que durante este lustro no Estado español, segundo un estudo de EADA, os salarios ficaran dous puntos por debaixo do crecemento do IPC, é dicir, que perderan poder adquisitivo. Outras estatísticas son aínda máis duras, segundo a Axencia Tributaria, só no ano 2011 baixaron un 3,2% de media; unha tendencia que se agudizou no 2012 coa drástica rebaixa de salarios no sector público. Asemade hai que ter en consideración que, dende o ano 2009, os ingresos dos operarios e empregados manteñen unha tendencia descendente mentres que os dos mandos intermedios e directivos continúan aumentando. En poucas palabras, a crise non atinxe a todos os asalariados/as por igual. Para termos unha apreciación máis exacta do que isto significa, as estatísticas dinnos que no Estado español no ano 2012 o salario medio dun directivo/a era de 75.106 euros, o dun mando intermedio de 37.723 e o dun operario/a ou empregado/a de 21.408 euros/ano. As diferenzas son evidentes, e como normalmente todos se suman como ingresos da clase traballadora, malia que  os directivos non o son e os mandos intermedios depende, distorsionan a comparación coas rendas do capital. Mesmo ignorando esta distinción, para o ano 2012 na Galiza, por vez primeira dende hai moitas décadas, os ingresos totais do salarios foron inferiores aos do capital e das rendas mixtas. Concretamente 26.125 millóns de euros fronte a 26.406 millóns, malia que os asalariados/as representan o 80% da poboación ocupada. 

"O ano 2012 na Galiza, por vez primeira dende hai moitas décadas, os ingresos totais do salarios foron inferiores aos do capital e das rendas mixtas"

Un dado importante, que nos permite ollar a evolución histórica, témolo no feito que no ano 1981 na Galiza, cunha porcentaxe de asalariados/as moi inferior, o 47,25%, estes conseguían nada menos que un 62% da renda total. Reflicte unha diferenza moi grande en termos de ingreso. Ademais, teñamos en consideración que daquela os salarios dos directivos non tiñan un diferencial tan elevado con respecto aos salarios medios, polo que o recuar dos ingresos da clase traballadora na renda nacional é aínda superior. Cifras que amosan como medrou a explotación de clase.

Dos anteriores dados podemos tirar algunhas conclusións interesantes. A primeira, que a clase obreira hai décadas que vén perdendo poder político, e isto traduciuse nun retroceso da súa participación da renda nacional e estatal, xa que os seus ingresos reais aumentaron por debaixo da produtividade, en beneficio da patronal. Segundo, estamos diante dun novo salto cualitativo (en negativo), xa que ademais de aumentar dramaticamente a taxa de desemprego, redúcense os salarios, increméntase a presión fiscal indirecta e rebáixanse as prestacións públicas, producíndose un deterioro das condicións de vida da clase traballadora. Agora ben, resulta evidente, como amosan os dados, que esta tendencia hai moitos anos que se viña manifestando e agora o axuste (a chamada crise), que é funcional ás necesidades do capitalismo neoliberal, non fai máis que acelerala e reflectila con toda claridade. Asemade, as consecuencias tan negativas sobre a maioría social, mesmo en Estados cunha renda por persoa moi elevada, son esencialmente consecuencia dunha distribución regresiva, máis que dun problema de capacidade produtiva e competitividade exterior. Hoxe o nivel de produtividade e renda media é moi superior ao que existía nos países da UE hai varias décadas, malia que daquela existían servizos e prestacións publicas máis amplas, así como mellores salarios e condicións laborais. 

"Todo indica que hai unha relación moi estreita entre o avance da globalización neoliberal e a perda de peso político, mediático e económico, das clases populares, especialmente da clase obreira"

Todo indica que hai unha relación moi estreita entre o avance da globalización neoliberal e a perda de peso político, mediático e económico, das clases populares, especialmente da clase obreira (por mor do aumento da man de obra de reserva, deslocalización da produción, etc.). Este proceso é paralelo ao do aumento da explotación, así como da opresión nacional, que deu pulo á perda de identidade en todas as súas formas nos países dependentes, con ou sen Estado propio. É así porque a globalización neoliberal implica que as necesidades sociais, a diversidade cultural e ecolóxica, estean subordinadas e enténdense como un atranco aos obxectivos da empresa e ao lucro (apresentados como unha necesidade para o progreso). Sacralízase a cobiza como un valor universal e fundamental. O impacto da globalización sobre as  culturas, economías e sociedades  ten un carácter totalmente destrutivo nos países máis débiles, máxime se carecen de soberanía (desaparición de linguas e perda da identidade, destrución ecolóxica, degradación social, retroceso demográfico, etc.). Sen dúbida hai algunha excepción, mais non valen como exemplo; e apostar por esta vía, como algúns pretenden para non confrontar co sistema, non deixa de ser unha aposta arriscada, insolidaria e utópica (máxime cando se leva décadas sementando este espellismo).

Mais se é utópico pensar que sen soberanía os países dependentes se poden desenvolver, non o é menos considerar que se pode conseguir a soberanía plena sen un sistema económico e social que rache coa globalización neoliberal, ou sexa, co capitalismo senil da nosa época histórica. Fagamos algunhas consideracións previas sobre este tema. 

A) Primeira cuestión. Hai quen di que o sistema funcionou para Galiza, e pon como exemplo o auxe da especulación e o crédito no neoliberalismo, con crecemento da renda persoal, o emprego e os servizos. Mais esta é unha análise simplista. En realidade, malia a nosa riqueza potencial, perdemos peso demográfico, no emprego e na economía do Estado español. Aumentou a renda por persoa sacrificando a parte máis débil da poboación, mediante a emigración e a caída da natalidade. A desfeita dun sector estratéxico como o agrario é un exemplo. Por se non fose abondo, unha gran parte das empresas en sectores claves pasaron a ser de propiedade foránea, especialmente de grupos da capital do Estado español (un proceso este que se acelerou coa crise). O acontecido co sector financeiro é a última mostra desta apropiación, que hipoteca mesmo un mínimo desenvolvemento con criterios de país.

"Dado o grao de internacionalización do gran capital só afortalando o sector público é posibel rachar coa dependencia. Non hai aliados na burguesía para os proxectos nacionais"

b) Segunda cuestión. Nese gran laboratorio de futuro que é a América Latina podemos ollar con toda claridade os atrancos e acertos de políticas diversas que pretenden rachar coa dependencia, desenvolver economías sustentábeis e eliminar a pobreza. O maior problema que atopan para implementar estas políticas segue sendo a dependencia estrema do mercado exterior, por máis que diversificaran os países cos que comercian (caso China). E isto é así, porque as empresas privadas, que aínda son a base das relacións económicas, están máis preocupadas por manter alto e constante o lucro que en apostas estratéxicas ligadas aos intereses de país. Polo tanto, dado o grao de internacionalización do gran capital só afortalando o sector público é posibel rachar coa dependencia. Non hai aliados na burguesía para os proxectos nacionais, agás nas potencias internacionais e rexionais, que son moi poucas. A única saída é remar contra corrente, non hai atallos. 

Dinlle unhas cantas voltas ao tema anterior porque, como ben afirman moitos e moitas, a cuestión da soberanía e máis a problemática de clase son interdependentes na Galiza (e coido que, nesta etapa, en calquera outro país dependente ou sometido a unha situación colonial). É así, non só porque non existe burguesía nacional coa que se aliar, senón que o tema vai moito máis alá. Concretamente, non se pode garantir a plena soberanía sen desenvolver a economía, e para isto cómpre combater a globalización neoliberal, como xa se dixo. Ou sexa, é necesario un control público dos sectores estratéxicos, unha distribución xusta do traballo e da riqueza, para así ampliar o consumo e contar cunha forte base de apoio social. É dicir, non hai soberanía sen xustiza social, nen xustiza social sen soberanía. Non por consideracións altruístas ou éticas, senón porque é o único xeito de desenvolver a economía e defender a identidade nun país dependente, nunha colonia ou neocolonia. E porque ademais a clase obreira, os labregos, os mariñeiros, os estudantes e os pensionistas xa non teñen outras vías de solución. 

 "Cando se fala de que existe unha interdependencia entre a cuestión de clase e nacional na Galiza, estanse marcando tarefas, tanto organizativas, como de protagonismo no ámbito político e nas institucións".

Esta confluencia de intereses, para se desenvolver e obter forza política, débese evidenciar no aspecto programático, no discurso, nas propostas, no organizativo e no protagonismo, de todas e cada unha destas prioridades, particularidades e dos segmentos sociais que representan. Así como doutras máis, tan importantes como a ecolóxica, igualdade de xénero, etc. E neste aspecto práctico é onde ás veces fracasan os proxectos de liberación. Non se trata só de ter boas ideas e obxectivos xustos e solidarios, senón de levalos adiante de xeito correcto, acaido coa realidade laboral e social e o nivel de conciencia da xente. Trátase de acumular, de gañar en conciencia, de mudar a correlación de forzas. Polo tanto, cando se fala de que existe unha interdependencia entre a cuestión de clase e nacional na Galiza, estanse marcando tarefas, tanto organizativas, como de protagonismo no ámbito político e nas institucións. Tarefas que igualan en protagonismo a cuestión de clase e a problemática nacional, nos discursos, nas propostas e nas mobilizacións. Se non é deste xeito, esa caracterización carece de valor práctico, porque non forma parte da praxe cotiá e non crea conciencia de clase e nacional. Daquela, non se daría unha confluencia senón unha subordinación da cuestión nacional ou de clase. Cando isto acontece, réstaselle folgos á construción do poder popular (o novo bloque histórico), mesmo pode atrancalo, xa que eiva a necesaria simbiose entre a maioritaria clase traballadora e o movemento de liberación. 

En resumo. A plena soberanía non será posíbel sen a participación e protagonismo político (tanto colectivo como dos seus dirixentes) da clase obreira, sen a socialización dos sectores económicos estratéxicos (como mínimo), e sen a alianza con outros segmentos sociais esmagados pola globalización neoliberal (imperialista). E, por outra banda, sen un Estado Galego é imposíbel construír unha sociedade xusta, sustentábel e solidaria.  Polo tanto, a unidade entre ambas as contradicións (interdependencia) forma parte da realidade socio-política deste tempo histórico e nesta nación colonizada, e estará presente en todo o proceso de liberación; ou sexa: antes e despois da constitución dunha República Galega. O movemento nacional popular-galego comprendeu dende o seu nacemento, hai catro décadas, esta unidade, que resumiu na consigna de: Galiza ceibe, poder popular! 
 
http://manuelmera.blogaliza.org/