Opinión

A única saída é a negociación

O inicio da ofensiva ucraína para recuperar o territorio ocupado por Rusia, para alén dalgunhas accións que ateigan as primeiras planas, como as incursións no óblast (provincia) da Federación Rusa de Belgorod e a destrución da represa de Kajovka, os ataques masivos en Zaporiyia e Donetsk, aínda non lograron os efectos esperados. A ofensiva contra estes territorios, mesmo utilizando tanques e armamento enviado nos últimos meses pola OTAN, foron rexeitados axiña ou en poucos días, pola primeira liña da fronte das tropas rusas. Que fose así non implica que en futuros ataques o exército ucraíno non poda realizar algúns avances localmente importantes, mais está deixando en evidencia que estes non son tan doados de acadar, e que os militares rusos teñen capacidade abondo como para reconquistar as localidades perdidas e, con toda seguridade xa teñen planificado aproveitar a contraofensiva para gañar novos territorios.

A finalidade é forzar ao máximo a ruptura do mundo en dous bloques, para reducir á mínima expresión presenza de Rusia-China

Que este vai ser os resultado desta nova fase da guerra está máis que valorado polos mandos militares da OTAN, aínda que digan publicamente todo o contrario para manter a guerra. Todo indica que neste conflito o que están en xogo son intereses económicos e de poder, que necesitan dun escenario final de vencidos e vencedores, de anxos e demos, sobre todo no relato, porque condicionará moito a incidencia no futuro de cada potencia. Ou sexa, a finalidade é forzar ao máximo a ruptura do mundo en dous bloques, para reducir á mínima expresión presenza de Rusia-China, e ao mesmo asegurar a subordinación dos países que seguen as directrices de occidente. E, por suposto, evitar que siga medrando e se consolide unha ampla orde mundial realmente multipolar, ou sexa co protagonismo de múltiples potencias e países... esta é a estratexia escollida por "occidente", que se estende no plano da guerra e das sancións, mais sobre todo demonizando nos medios de comunicación a aquelas alternativas que cuestionen a hexemonía dos Estados Unidos, e aliados subimperialistas.

Esta estratexia tanto nos obxectivos como na folla de ruta resulta tremendamente perigosa, porque vai demolendo pontes, mesmos os máis pequenos e esenciais, afogando calquera marco de negociación e alto o fogo. Unha actitude irresponsábel, por máis que se pinte en occidente como "unha cuestión de valores e principios", máxime tendo en consideración as capacidades nucleares das potencias enfrontadas. Ademais, non se pode obviar a desfeita da Ucraína así como os centos de milleiros de militares mortos, nunha guerra que mestura a técnica máis avanzada con formas de combate de posición propias da 1º Guerra Mundial.

Este marco de confrontación alenta unha crise económica, social e política, na que a UE a esta altura destaca como das zonas máis afectadas

Por se non abondase este marco de confrontación alenta unha crise económica, social e política, na que a UE a esta altura destaca como das zonas máis afectadas. En poucas palabras, Bruxelas escolleu un camiño que ademais de fortalecer seu papel dependente respecto de Washington, presentase como unha costa abaixo. Os datos sobre a inflación, o consumo e o PIB son cada vez máis negativos, especialmente en Alemaña, co que isto implica como tendencia a medio prazo para o conxunto da economía da UE.

Resulta evidente que esta aposta pola guerra e o militarismo non resolverá o conflito na Ucraína. Todo reflicte que dá folgos á desigualdade, á desfeita ecolóxica, e unhas relacións cada vez máis acedas entre nacións e clases sociais. Utilizar a forza para impoñer un modelo de relacións tampouco é a esta altura unha solución para o imperialismo norteamericano e socios, (para alén dunhas poucas corporacións) porque ademais, trátase dunha hexemonía cada vez máis vinculada á violencia, á destrución e ao caos (Afganistán, Sudán, Iemen,...). O único camiño do respecto pola diversidade (riqueza da humanidade) é o da negociación e o da paz, como cada vez propoñen máis países, como Brasil, Turquía, China, e mesmo o Vaticano.