Opinión

A UE. Protectorado ou subimperialismo?

Resulta evidente que malia que Rusia invadise á Ucraína, e tomase medidas defensivas para evitar os efectos das previsíbeis sancións das potencias occidentais, a iniciativa nesta confrontación sempre estivo en Washington. Por iso non hai a esta altura un acordo de paz, que Moscova pensou acadaría cos tanques chegando aos arredores de Kiev e ocupando rapidamente unha parte do territorio. Era unha visión demasiado optimista, mais tiña que intentalo.

Un multilateralismo que de vagar vaise consolidando. Mais, en principio restrinxido a atender os intereses das grandes potencias

A experiencia xa amosaba os atrancos a unha solución pacifica do conflito do Dombas, non digamos de aceptar frear o cerco militar a Rusia pola OTAN. Abonda con lembrar ca Ucraína durante oito anos non cumpriu cos acordos de Minsk, que implicaban a autonomía para as repúblicas do Dombas, e continuou cos bombardeos causando 14.000 mortes en Lugansk e Donietsk. Tamén foi iniciativa de Estados Unidos e as potencias aliadas estreitar o cerco a Rusia (e China) con bases con armamento de longo alcance e realizar nas súas fronteiras un número cada vez maior de exercicios militares. Este despregue militar con armamento convencional (e nuclear nalgúns países), acompañado de medidas no eido financeiro e a demonización nos medios de masas, foron a resposta á perda progresiva de poder no ámbito económico do imperialismo o que, de non se reverter, implicaría a perda da hexemonía e a consolidación dun mundo multipolar.

Un multilateralismo que de vagar vaise consolidando. Mais, en principio restrinxido a atender os intereses das grandes potencias. Favorece este marco a propia agresividade da disputa actual, produto das debilidades occidentais, consecuencia da globalización que eles alentaron para conseguir mediante unha maior explotación e opresión multiplicar os beneficios empresariais, porén que fortaleceu a existencia de potencias rexionais e países esenciais na cadea de valor (ricos en materias primas e/ou man de obra cualificada). Países que procuran avances económicos e sociais, para os que necesitan de poder de negociación político, militar. Polo tanto aínda que a folla de ruta dos Estados Unidos e aliados sexa a de aceptar, como mal menor, conxunturalmente a existencia dun bloque o máis reducido posíbel “ xa que non sigue as regras de xogo democráticas” (aquelas que benefician a occidente), na práctica trataríase de gañar tempo para illalo e reproducir así o fracaso histórico da Unión Soviética (neste caso sen a diferencia de modelo económico e social). Consolidando deste xeito por outro século aos Estados Unidos como a única potencia con capacidade para decidir e impoñer a regras de xogo no mundo. E neste aspecto non hai disputa entre demócratas e republicanos, nin entre os distintos intereses do capital norteamericano.

A este plan terminou sumándose a UE, xa que para alén da gravidade da situación ecolóxica, e de aproveitar a complementariedade de Rusia e a ruta da seda China, na última década foi perdendo peso económico, polo avance de Asia Oriental, e ademais, porque Estados Unidos mantén ducias de bases na UE, e as corporacións e os medios de comunicación norteamericanos teñen un gran peso interno. O debate sería polo tanto: até que punto trátase da imposición ou consolidación dun protectorado, ou sinxelamente é unha asociación que beneficia á burguesía de ambas bandas do Atlántico?.

O que é evidente é que a UE vai a arrastras dos Estados Unidos, e da súa folla de ruta para recuperar como sexa un papel dominante no mundo

Agora ben, nesta perda de peso da UE na economía mundial conta moito a dependencia en relación ás materia primas e produtos elaborados exteriores, e sobre todo que, cada vez máis, os bens non se terminan ou non se deseñen nos países centrais, co que isto implica de cambio respecto do papel que vai xogar cada nación na cadea de valor nun futuro no tan afastado. Efectos que xa se están a notar na actual conxuntura, por exemplo no valor da enerxía na cadea de valor... tamén doutras materias primas? Se así fose a inflación sería consecuencia dun reaxuste na cadea de valor entre países (mais tamén entre clases sociais, porque a enerxía e alimentación son bens básicos)

O que é evidente é que a UE vai a arrastras dos Estados Unidos, e da súa folla de ruta para recuperar como sexa un papel dominante no mundo, xa que non lle abonda cun papel destacado e quere controlar o taboleiro de xogo e impoñer as regras, ser xuíz e parte. Sen dúbida en Bruxelas houbo moito debate respecto do tema, do que se excluíu á sociedade. Mais todo indica que optou por este camiño conscientemente, mesmo cos perigos que representa tendo en consideración a existencia de armas nucleares, e que cando se inicia unha disputa nunca se sabe como poder rematar, máxime cando se rachan todas as canles de dialogo, como está a suceder con Rusia respecto da guerra na Ucraína. E non é precisamente Moscova a que toma a iniciativa de ampliar o conflito, coa participación de terceiros países, co envío de armas, supervisión militar, sancións, conxelación de activos, etc.

Preferiuse a confrontación a aceptar un mundo máis solidario e igualitario, e polo tanto diverso. Daquela que todas as decisións se presenten como necesidades irremediábeis, como se non fose posíbel outra folla de ruta. Seica culpa de Putin que non acepta estar arrodeada pola OTAN... Aceptaría Estados Unidos unha base rusa en Cuba, Venezuela, Nicaragua?... Lembremos o que pasou en 1962. Lembremos os centos de bases que ten USA en máis de 70 países e as intervencións da OTAN e de estados da UE, como Francia, mesmo fóra do marco europeo (Próximo oriente, norte e centro de África). Quérese manter a dobre vara de medir, que non só é inxusta senón que non responde á realidade actual na correlación de forzas. Non fondo é por pura cobiza e soberbia.

Cómpre un mundo multilateral, a solución non está en dividilo en dous bloques. O multilateralismo é a única saída posíbel á crise do sistema, dado que a desigualade estase maximizando tanto entre países como entre clases sociais. Daquela que cada vez hai máis nacións que manteñen posturas soberanas, á marxe ou a pesar do conflito entre as grandes potencias. E sobre todo, coidan que é esencial negarse a seguir as directrices do imperialismo hexemónico (Cumio das Américas, relacións económicas da India e Brasil con Rusia, postura de Indonesia respecto do G-20...), porque ese é un paso esencial para rematar con todos os modos de imperialismo e subimperialismo.

https://obloguedemera.wordpress.com/