Opinión

Ucraína, guerra perdida, e o gasto militar

Todo indica que Rusia está a gañar a guerra contra Ucraína (+OTAN), malia o enorme poder económico e militar dos países que integran a alianza do chamado “bloque de occidente”. É así, mesmo cos erros iniciais na “misión especial”, como o deixou en evidencia posteriormente o fracaso de ofensiva da Ucraína+OTAN para recuperar os territorios “ocupados-liberados” por Rusia. Tal é o caso das repúblicas do Dombass que mantiñan unha confrontación desde 2014 con Kiev co fin de acadar a autonomía, a incorporación de Crimea respaldada pola votación da xente, ou territorios estreitamente unidos a Rusia como Zaporiya, Jerson...

Ou sexa, os acontecementos no campo de batalla deixan en evidencia que é cuestión de fondo vai para alén dunha ocupación e que Moscova é unha potencia económica e militar de primeiro orde. Ao que se debe engadir, e non se trata de pouca cousa, que nun segundo plano disputa cos Estados Unidos a superioridade en termos de armamento nuclear. Ou sexa, que a rendición de Rusia, como “occidente” desexa podería abrir camiño a unha traxedia mundial. Daquela que a única solución é unha saída pactada, aínda que se estea levando ao límite a guerra convencional para manter un mundo unilateral fronte ao multilateralismo que acotío se esta consolidando.

A esta altura da guerra “convencional”, ao retroceso demográfico e do PIB da Ucraína, como resultado da desfeita económica e as consecuencias da confrontación, hai que sumar as perdas de efectivos militares, seica máis dun millón, e a destrución de material do exército e de infraestruturas básicas, especialmente relacionadas coa produción de enerxía e transporte. Malia que os combates fican moi centrados naquel territorio no que está localizadas as trincheiras, ou sexa a fronte militar, nunha sorte de reprodución do escenario da 1ª Guerra Mundial. Aínda así non se poden obviar os ataques nun espazo moito máis amplo con drons e mísiles, aumentando sobre todo o impacto sobre infraestruturas e a actividade económica, especialmente na Ucraína.

Sen dúbida a actividade económica está moi unida á confrontación militar. Daquela que non se pode ignorar que o PIB da Ucraína tivo unha caída do -29% en 2022 e para este ano calculase un medre  de entre o 1 e 3%, mentres que na Federación Rusa, malia os milleiros de sancións de todo tipo o PIB só recuou o ano pasado no -2,1% e para este ano o FMI calculaba en setembro un crecemento do 2,2%, que o Governo ruso eleva a máis do 3%. Un medre importante se temos en consideración que en China sería do 5%, Estados Unidos 2,1% e Reino Unido o 0,5% e en Alemaña a variación anual ao terceiro trimestre de 2023 era do -0,4%.

En poucas palabras a locomotora da UE está en retroceso, co que iso implica para o conxunto da Unión, deixando en evidencia non só as consecuencias negativas das sancións a Rusia, senón ademais o aumento do gasto militar en detrimento dos servizos sociais básicos e do apoio á actividade produtiva ligada coa calidade de vida da povoación. Todo o relacionado co ámbito militar cada vez absorbe máis recursos, non só por mor do apoio á Ucraína, senón tamén pola urxencia en fortalecer os exército dos estados que integran a UE, que hoxe pola dependencia neste ámbito nos subministros favorece ao complexo militar-industrial de Estados Unidos.

Cales é o gasto real, por exemplo no Estado español? De onde saen estes recursos extras?... En concreto sabemos que o o orzamento do Ministerio de Defensa para o ano 2023 foi de 12.827 millóns de euros, (que representaba un aumento do 26% sobre o de 2022). Mais que esta cantidade vese acrecentada polas desviacións que se fan desde outros ministerios, como Industria, Exteriores...) elevando a cifra real a 27.617 millóns de euros, un terzo do investimento total dos Orzamentos do Estado. Só na etapa de Governo en funcións de Pedro Sánchez, de xullo a outubro, foron aprobados gastos militares por valor de 16.500 millóns.

Son temas de gran relevancia que practicamente non se debaten e dos que a sociedade está pouco ou mal informada (e iso que governa o “progresismo”, resulta evidente que neste tema coa complicidade da dereita). Paso a paso, mentres todos os focos se centran na masacre na Franxa de Gaza (e as medidas represivas en Cisxordania?), mais sen aprobar ningunha decisión que obrigue á UE a tomar unha postura decidida contra o xenocidio do povo palestino, vanse dando pasos para prolongar outros conflitos, como na Ucraína. Todo amosa que o Estado español, na práctica, aposta por seguir xogando un papel subimperialista ao servizo dos Estados Unidos, atrancado no posíbel o multilateralismo.

Comentarios