Opinión

Os tempos políticos dependen da velocidade do maquinista

A oposición peronista aínda non se recuperou das derrotas. A primeira, que non fose quen de reducir a inflación e manter o poder adquisitivo dos salarios, pensións e outro tipo de axudas,... elevando por riba do 40% a poboación que está por debaixo do chanzo de pobreza. A segunda, consecuencia da anterior, perder as eleccións fronte a Milei, e sobre todo non estar preparados para responder a un escenario político deste tipo. Daquela que aínda hoxe o peronismo careza dunha estratexia única, por exemplo respecto de cales son os tempos da resposta e como esta debe ser. O que restou algo de empuxe á folga convocada para o pasado día 14, e mesmo así foi un éxito e as manifestacións foron masivas, máxime tendo en consideración que febreiro é un mes do período de vacacións.

O éxito da convocatoria, malia as ameazas represivas da ministra de seguridade Patricia Bullrich, e que non poucos medios utilizaban como argumento en contra que o Goberno levaba pouco máis dun mes, o que non daba tempo a comprobar os efectos das medidas que puxera en práctica. Obviando con esta escusa a actitude represiva fronte ás accións de protesta, o intento de tomar decisións sobre múltiples aspectos da economía, relacións laborais, prestacións sociais, etc. reducindo ou obviando o papel de institucións como o Parlamento (UND, Lei Ómnibus...).

Non parece lóxico que se lle deran cen días ao novo Governo cando este aplica a motoserra  pretendendo eliminar coa velocidade dun raio dereitos básicos e democráticos. Neste contexto os tempos contan, non valen as regras tradicionais de que hai que deixar facer ao novo goberno e logo realizar as valoracións. Os cambios de Milei son tan radicais, que non reaxir a tempo pode implicar a perda de dereitos que levou moitas décadas conquistar, por non responder a tempo, demorando deste xeito moitos anos recuperalos. Polo tanto, neste debate, teñen razón a esquerda do peronismo, así como aqueles partidos que están á esquerda, por exemplo a 'Frente de Izquierda y de los Trabajadores' cando chamaron desde o anuncio da primeira medida e decreto regresivo a dar unha resposta inmediata e tomar as rúas, ademais de recorrer aos xulgados e a construír un muro nas institucións gobernadas pola oposición progresista.

Fago estas reflexións porque non son poucos/as os que ao analizar a situación na Arxentina poñen por diante considerar ante todo o nivel de conciencia das maiorías, e argumentan que para que aumenten as contradicións estas deben vivir en carne propia as medidas regresivas do goberno de 'La Libertad Avanza'. Valoran que aínda hoxe máis dun 50% dos votantes de Milei o apoian, segundo algunhas enquisas (outras dan a Milei un 43,5% de aprobación e o 54,3% en contra). Agora ben facelo así pode que sexa moi ben visto por aqueles/as que votaron pola LLA e xa tivesen dúbidas, mais tamén dá razóns para que os/as que votaron pola 'Unión por la Patria' perdan a confianza e terminen metendo a todos os partidos no saco do servilismo diante dos ricos e poderosos (neste caso do sistema anarco-capitalista de Milei).

En resumo, que a folga xeral do día 24 foi un éxito, malia todos os atrancos postos polo Goberno e as eivas da oposición política, e permite pensar en que Milei está perdendo á rúa, que non é pouca cousa nun país como a Arxentina cunha importante tradición mobilizadora e organizacións sindicais e sociais con estrutura, en comparación con outros países do mundo. Ao que se suma o feito de que hai un debate moi vivo no Congreso pola Lei Ómnibus, e parte do DNU (no aspecto laboral está freada nos xulgados). Tampouco se pode obviar que o peronismo goberna nunha provincia tan importante como a de Bos Aires, que representa 1/3 dos habitantes desta República Federal. A esta altura a pregunta é: canto tempo durará no cargo Milei e canto mal causará ás clases populares é á República Federal Arxentina?... A esquerda terá que mobilizar, facelo mellor nas institucións, e sobre todo apostar por cambios sistémicos que garantan unha sociedade xusta e soberana. Autocrítica, rectificación, iniciativa, mobilización...