Opinión

Os resultados de sermos vagón de cola

Os dados de medre do PIB no Estado español, 1,4% durante o pasado ano, son superiores aos doutros países da Unión Europea, e o Goberno central considera que este ano serán aínda mellores. Un dato positivo, especialmente para as grandes empresas e altos directivos, que aumentaron lucros e ingresos (estes último, un 22,5% nas empresas do IBEX35). No referente á creación de emprego os datos non son tan bos, porque continuou a perda de traballo fixo, xa que o novo é sobre todo temporal e a tempo parcial. 

Os dados de medre do PIB no Estado español, 1,4% durante o pasado ano, son superiores aos doutros países da Unión Europea, e o Goberno central considera que este ano serán aínda mellores. Un dato positivo, especialmente para as grandes empresas e altos directivos, que aumentaron lucros e ingresos (estes último, un 22,5% nas empresas do IBEX35). No referente á creación de emprego os datos non son tan bos, porque continuou a perda de traballo fixo, xa que o novo é sobre todo temporal e a tempo parcial. Daquela, que se manteña o retroceso, con máis horas traballadas e menores ingresos. O axuste non rematou para a clase traballadora! Tampouco é igual a situación en todas as nacións que compoñen, por conquista, o Estado español. No caso concreto da Galiza, durante o pasado ano o crecemento foi tres veces menor (un 0,5%) que a media no EE, e perdeuse emprego (-2.200). Ou sexa que para o noso país, non chegou a recuperación. 

"O axuste non rematou para a clase traballadora! Tampouco é igual a situación en todas as nacións que compoñen, por conquista, o Estado español". 

Ademais, o crecemento dáse sobre alicerces pouco sólidos. Susténtase sobre a baixada do prezo do petróleo, o aumento do turismo, como consecuencia da situación en Grecia, Tunisia, Exipto, etc., a queda do valor do euro polo aumento de xuros da Reserva Federal, a flexibilidade cuantitativa do BCE, e o que empurra o medre do PIB norteamericano. Se analizamos a situación do sector industrial e a tendencia do comercio exterior, o primeiro está a mínimos e o segundo achégase ao equilibrio pola queda das importacións. Óllase axiña que non se fixeron os cambios estruturais necesarios, e que segue a destrución de sectores produtivos, en beneficio dunha especialización da actividade que se concentra en grandes corporacións (crédito, enerxía, construción, turismo e enerxía), e se centraliza nos territorios máis fortes, aumentando a distribución desigual da riqueza e do poder. Daquela que na Galiza non só pechen empresas punteiras, senón que moitas máis pasan a mans foráneas. Como consecuencia: baixa natalidade, emigración, recuar demográfico. Lembremos que no noso país o turismo non é tan relevante como no Mediterráneo e Madrid, polo que carece do tirón sobre a economía e o emprego que alí ten.

"Por todas partes hai obras, por suposto moi visíbeis, que serven de reclamo electoral a prol do partido sistémico gobernante".

Asemade, todo indica que os datos de crecemento económico e xeración de emprego non só dependen de variábeis externas, mesmo que sexan conxunturais, senón tamén do momento electoral. A licitación de obra pública medrou case nun 50% nos últimos meses, e outro tanto aconteceu coas contratacións en concellos e deputacións. Por todas partes hai obras, por suposto moi visíbeis, que serven de reclamo electoral a prol do partido sistémico gobernante. Por iso, De Guindos pode afirmar con total seguridade que a EPA vai reflectir o aumento do emprego nos primeiros tres meses do ano. Nesta aposta electoral semella que tamén se sumaron, polo interese que lles ten, a Comisión Europea e o BCE, daquela que sexan menos esixentes en relación ao déficit público e menos rotundos en se opoñer á merca de débeda dos estados. Mais, sendo isto último positivo, porque implica unha certa flexibilización, non se pode ignorar que non soluciona os problemas de fondo, máxime cando no futuro hai ameazas tan grandes. Entre elas, podemos salientar: os tratados de libre comercio e as modificacións das normativas e desregulacións, a confrontación e competencia cos BRICS, o descontente social e as restricións democráticas, dos que as reformas do código penal e a “Lei Mordaza” son un reflexo.

"Non é casual que o noso país medre menos e retroceda demograficamente, malia as grandes potencialidades en materias primas e enerxía, e ter unha longa costa e un clima excepcional" 

Todo indica que a recuperación é conxuntural e precaria, daquela que, para poder manter o lucro das corporacións e o poder dos territorios máis fortes, factores que polo común están historicamente asociados, recorran a unha maior explotación das clases subalternas e opresión das nacións dependentes. Non é casual que o noso país medre menos e retroceda demograficamente, malia as grandes potencialidades en materias primas e enerxía, e ter unha longa costa e un clima excepcional. Isto é consecuencia da dependencia da nación galega, do papel que se nos adxudica nesta etapa, nun escenario de dura confrontación dos capitais polo mercado e o lucro, onde toda expansión só é posíbel substituíndo outras corporacións (e potencias). Graficamente, teño dito máis dunha vez, fronte aos que esperan que unha locomotora potente, co noso apoio, turre dos vagóns con máis forza, que na práctica, a locomotora (España-Madrid), vai desfacendo os vagóns de cola (entre eles Galiza) para alimentar a caldeira e poder así seguir avanzando. 

Nunca estiveron tan vinculados estes factores: sociedade, economía e poder político. E o povo que careza disto último ten hipotecados o seu futuro, a defensa da súa cultura e lingua, e por suposto non terá posibilidade de desenvolver políticas redistributivas e socializadoras.

Manuel Mera