Opinión

“Residentes ausentes”: dereitos sen obrigacións

Segundo o CERA nas vindeiras eleccións xerais poderán votar 472 mil “residentes ausentes”, o que constitúe nada menos que o 17% das persoas con dereito a voto na Galiza. É verdade que, por facer unha comparación máis realista, a porcentaxe de residentes ausentes que participou nas eleccións nunca superou o 35% dos/as que figuraban no CERA.

Mesmo así non se pode obviar que se trata de 165 mil votantes que inciden nos resultados electorais, e que este voto está moi condicionado polos grandes medios de comunicación, e polo tanto favorecen aos grandes partidos de ámbito estatal. 

Outro aspecto a termos en consideración, porque non é menor, é que só un 31% das persoas que figuran no CERA naceron na Galiza, o resto, o 69% son descendentes de galegos e galegas que, na inmensa maioría non coñecen este país, e ademais teñen dereito a voto ali onde viven. Polo tanto a maior parte dos “residentes ausentes” son e séntense arxentinos, cubanos, brasileiros, uruguaios... e no esencial buscan a dobre nacionalidade para, en caso de ter que emigrar, contar cos máximos dereitos no país que lle é máis doado.

Ou sexa, os nacionalizados que o son por motivos de descendencia, considerados “residentes ausentes”, son persoas que teñen dobre dereito ao voto, tanto ali onde naceron e viven, así como  nas eleccións no Estado español (xerais ou autonómicas) Mais, tanto a este colectivo como aos galegos/as emigrados non lles afectan directamente o 99% das medidas que tome o Governo que se elixa co seu voto. É dicir, teñen un dereito que non está ligado a ningunha obrigación, como pola contra teñen as persoas que residen na nación galega, exerzan ou non o voto nas eleccións.

Existe un trato de privilexio para os “residentes ausentes” en algo tan importante como é a capacidade de elixir representantes nas institucións. O lóxico sería que este dereito tivese vixencia unha vez que regresasen ou optasen por emigrar a Galiza. Outra excepción (conxuntural) podería ser para aquelas persoas nacidas no país que emigrasen por un tempo limitado, tres ou cinco anos, nos que o dereito ao voto seguise vixente. 

Sen dúbida os/as descendentes de galegos/as que decidan inmigrar a Galiza deben ter dende o primeiro día todos os dereitos, comezando polo de poder acceder a un traballo, a axudas ou prestacións de servizos básicos, e o de votar. Mais, vivindo no exterior, sen que lles afecten as decisións políticas que apoien nas eleccións, poder exercer o voto semella un dereito extra que non leva aparellada ningunha obrigación. Na práctica é un trato de privilexio en relación ás persoas que viven na Galiza, máxime cando nen sequera naceron no país e ademais teñen dereito a votar alí onde residen. Por outra banda: como se controla este voto e se evita a corretaxe, e se garante que todos os partidos poden facer propaganda en igualdade de condicións?...  

Repito, os dereitos implican obrigacións, e un trato igualitario para os electores/as e as forzas que se presenten nas eleccións. Ningunha destas premisas está garantida. Ademais, se fose esta unha medida democrática: por que nas autonómicas non votan os galegos e galegas que viven como emigrantes no resto do Estado, cando teñen un maior coñecemento das propostas dos partido que se presentan, e están máis directamente afectados polas políticas que apoian?... 

Por último, todo evidencia unha consolidación e mesmo medre das forzas nacionalistas no EE, malia que parten de realidades distintas, tanto no grao de dependencia como de autoorganización, así como obxectivos a medio e curto prazo, e cuns métodos de traballo diferentes. A evolución reflicte que na Galiza o BNG ampliará a súa representación no Parlamento estatal, tendo en consideración os resultados das autonómicas e municipais, (e seu apoio a participación no movemento social e laboral). Esta tamén é unha tendencia dominante que hai que ter en conta, non só o ascenso da dereita tan predicado polos medios hexemónicos.

Agora ben, tampouco se pode obviar que o voto “residente ausente” sen necesidade de ser solicitado (que é a novidade destas eleccións) semella que non seguirá esta tendencia favorábel ao soberanismo (cando menos co mesmo empuxe), especialmente o que ten orixe en América Latina, ou en inmigrantes desa rexión que se afincaron na Galiza nos últimos anos. Aínda así todo fai pensar que non modificará cuantitativamente o resultado final e que o BNG vai ampliar a súa representación no Parlamento do Estado español. Mesmo sendo así non se pode ignorar esta pedra no camiño, xa que obriga a un esforzo especial.