Opinión

Que é a igualdade e como construíla

O Presidente da Xunta de Galiza nun acto organizado no Congreso encol do Día da Constitución (española), arroupando a Núñez Feijóo, segundo os medios, e facendo meritos a prol da unidade do Reino de España, destacou que se racha a igualdade de trato coas negociacións bilaterais entre o Governo central e as autonomías. Agora ben iso implica que todas elas, todas, para alén das súas características e evidentes diferencias culturais e na actividade económica, mesmo nas infraestruturas necesarias, non poderían tratar estes temas en reuninos especificas, como o están a facer. Unhas xuntanzas que como non podería ser doutro xeito véñense realizando tanto cos governos do PSOE como cos do PP, mesmo cos máis centralistas, porque non todas teñen as mesmas competencias, polo que aínda que siga imposto o  esencial do centralismo non son a reprodución das antigas provincias, houbo unha certa descentralización cando menos nas formas. Por certo, como mínimo, unha nacionalidade, como recolle o Estatuto, é unha nación cando abrangue todo o territorio en cuestión.

Agora ben, esta actitude por parte de Rueda ademais reflicte con toda claridade que para alén do relato dirixido á súa base electoral na Galiza, pouco ou ren lle interesa, a menos que afecte intereses de sectores económicos afíns, que a nosa nación asuma novas competencias e blinde outras transferidas para ter mecanismos de poder cos que realizar a máxima e mellor xestión posíbel. Tendo sempre presente a realidade socio-económica, cultural e política da nación galega. Porque, non se pode obviar que a igualdade non é unha meta tan sinxela no marco mundial, nen no da Unión Europea (UE), e tampouco no do Estado español (EE). Toda decisión no ámbito económico e cultural, sempre favorece máis a uns territorios que a outros, daquela a importancia no mundo, na UE e no EE de termos capacidade para decidir e xestionar ou negociar directamente todos ou a maioría dos temas que nos afecten, e isto implica a máxima soberanía e moitos acordos bilaterais.

Son moi poucas as medidas que afectan a todos os territorios por igual, daquela que mesmo áreas como a educativa e sanitaria foran transferidas a todas as autonomías, tamén a aquelas que non se reivindican como nacionalidades, e mesmo así hai diferencias no grao de desenvolvemento, xa que non se trata exclusivamente de repartir con criterios igualitarios. Cando existen desigualdades construídas e padecidas durante décadas e mesmo séculos, este obxectivo que semella tan lóxico e democrático, na práctica pode reproducir as diferencias de etapas anteriores senón non se aplican medidas especificas, que por lóxica rompen a unidade de trato no presente para conseguir o máis axiña posíbel á igualdade en termos económicos e sociais na realidade.

Agora ben, a eliminación do centralismo, que reproduce esta desigualdade, para alén do discurso, só será posíbel mediante a plena soberanía de cada nación, ou cando menos cun sistema confederal que permita deseñar unha política propia, no fiscal, ingresos e axudas, así como de desenvolvemento, que partan do recoñecemento das eivas e atrancos estruturais. Polo tanto a igualdade é ficticia cando se aplica mecanicamente, obviando as diferencias de partida de séculos de dependencia e un papel subordinado na escala de valor, tanto no aspecto económico como cando se analiza colectivamente e subxectivamente aos povos carentes de soberanía real.

A cuestión de fondo non son as reunións bilaterais, que en definitiva sempre son necesarias e complementarias daquelas que responden a organismos executivos, ou comisións, sobre distintas problematicas, senón que o esencial é: que a Xunta de Galiza non preme abondo para forzar negociacións e acordos bilaterais co Governo central para tratar aqueles problemas que son esenciais para avanzar, polo que se perden gran parte das potencialidades económicas e humanas do país (como amosa unha balanza negativa no investimento de capitais, no demográfico...). De pouco valen moitos acordos do Parlamento e iniciativas da Xunta, aínda que estas son contadas, se non teñen máis folla de ruta que saír nos medios.

Hai que forzar a este Governo central, e a calquera outro, estea presidido pola socialdemocracia ou pola dereita, a que atenda as reivindicacións especificas, que son esenciais para aproveitar as potencialidades de Galiza, as outras xa sabemos que van ser cumpridas nun 90% dos casos, aínda que haxa moitos temas intocábeis, por exemplo: o prezo da enerxía, a rede das comunicacións internas deseñada con criterios centralistas, antes e despois dos estatutos de autonomía. Abonda con ver as cifras de investimento exterior, a recadación de impostos, PIB e demografía, das nacionalidades e autonomías do EE, para termos unha fotografía exacta do centro e a periferia en todos os aspectos, aínda que haxa excepcións relativas, naquelas nacionalidades onde contan con maioría as forzas políticas soberanistas... Na Galiza non mudou a tendencia estrutural, só houbo unha descentralización, e ademais, con recortes progresivos ás competencias polas políticas centralizadoras da UE. A igualdade non pode construír sen eliminar previamente as causas que lle deron folgos; só se logra con medidas a máis, e especificas para cada caso.