Opinión

Milei, facer de todo un lameiro

O Presidente arxentino, Milei, mantén a presión ao máximo aprobando decretos lei (DNU) que van contra a maioría social, forzando un axuste en todos os ámbitos en beneficio de empresas e grandes fortunas. Como camiño utiliza a escusa de que estaría xustificado ignorar a súa aprobación no Congreso pola situación de emerxencia nacional. Mais, por si acaso, o Governo acaba de remitir unha nova serie de propostas para o debate parlamentar complementarias en moitos casos das DNU e que ademais  modifica a institucionalidade dándolle total primacía ao Executivo sobre o Parlamento (A Lei Ómnibus). Usurparía as competencias do Congreso e implantaría máis leis represivas contra a protesta social. É un Golpe de Estado "brando".

A DNU foi recorrida por distintas organizacións e institucións diante dos Tribunais, para que teñan que seguir a orde lóxica de debate e aprobación ou non no Congreso. Polo que, diante da alternativa de que o Poder Xudicial resolva contra a folla de ruta imposta por Milei este ameaza con realizar un referendo para consultar ao povo, unha resposta normal neste personaxe que en toda a campaña destacou por facer súa a consigna de que a mellor defensa sempre é un ataque (para optar por esta opción sen dúbida pesa moito contar cun importante apoio mediatico).

Agora ben, pode que esta agresiva estratexia non lle dea os mesmos resultados hoxe que durante a campaña, ante todo porque naquel intre todas as criticas (ou case que todas), sobre a responsabilidade da inflación, inseguridade, aumento da pobreza... estaban centradas no governo peronista (e en menor medida en Macri, aínda que a el se debe a débeda impagábel e os axustes impostos polo FMI). Neste intre, malia que pasou moi pouco tempo, a propia prepotencia de Milei e a rapidez coa que tomou medidas tan regresivas para as clases populares (e o que queda da clase media), duplicaron e mesmo triplicaron a percepción social do tempo transcorrido. É unha expresión da evolución da conciencia colectiva, daquela a rápida resposta social mediante cortes, cacerolazos, etc. a poucas horas de que se coñecese o DNU. É verdade que un partido como o Polo Obrero e outras forzas da esquerda antisistemica responderon con moita axilidade, mais nas entrevistas que facían os medios resultaba evidente que a maioría das persoas que protestaban nunha morea de puntos da cidade de Bos Aires, e outros lugares do país, eran espontáneas.

En poucas palabras, que o reaxer social estivo por diante dos grandes partidos da oposición, e tamén de centrais sindicais, como a CGT. Que a resposta social fose tan rápida é un dato de gran interese. Porque, unha contestación deste tipo, en boa medida semella que estaba composta por quen non esperaba que Milei tomase decisións reaccionarias tan radicais, daqueles/as que estiveron á marxe do proceso electoral, ou de quen mesmo pensou que o novo presidente ía poñer as cousas no seu sitio. Un dos feitos que máis destacaron os medios foi a critica dos/as que tomaron as rúas pola presenza en institucións e empresas públicas de directivos ligados ate agora ao mundo empresarial, da industria transformadora, enerxía, banca, comunicación... así como de presenza de ex membros dos governos de Macri e de Fernández-Massa. Para a xente menos informada estes días ficou en evidencia que Milei favorece á "casta"; á que criticou tan duramente, e da que argumentaba hai uns días eran o centro da rapina e mala xestión dos governos anteriores.

Un último aspecto que quero destacar: é que a oposición política a Milei, aínda que se sinte animada por este reaxer tan rápido dunha parte importante da cidadanía, todo indica que non ten clara cal debe ser a folla de ruta para queimar unha gran parte das simpatías despertadas polo Presidente "anarco-capitalista". Semella que a esquerda teme alentar a protesta social e que se lle vai das mans, favorecendo así as medidas represivas e autoritarias. Todo indica que a liña a seguir debería combinar a mobilización e a oposición institucional, tomar a iniciativa, e impedir a regresión en dereitos civís, laborais, sociais e democráticos, estes son os grandes retos. Por que non forzar unha dimisión do Governo e unhas novas eleccións antes que Milei faga de todo un lameiro, que é onde mellor se move o oportunismo e o capitalismo depredador?... Que fará a oposición ademais de presentar recursos diante do Poder Xudicial?... Da CTA e do Polo Obreiro sabemos que estarán na primeira liña da protesta na rúa e a CGT, a maior central sindical do país, acaba de convocar unha folga xeral para o día 24 de xaneiro (semella que se demora moito, tendo en consideración o ritmo de Milei. Non debería ser precedida de manifestacións e paros sectoriais e locais?). Resulta evidente que nesta conxuntura cómpre manter unha resposta masiva e constante que rache o máis axiña posíbel coa perversa iniciativa da ultra-dereita no eido económico, social, laboral, democrático, así como na construción do relato... A situación é moi dinámica e todo pódese acelerar aínda máis por parte de Milei e compañía,... tamén a resposta popular. Ademais, a Lei Ómnibus bota máis lume á situación.

Comentarios