Opinión

A importancia do triunfo do non en Grecia

Un 61,3% de reprobación á proposta de axuste que a Troika fixo a Grecia é unha boa nova para as clases populares (e as nacións dependentes como Galiza). É unha resposta contundente e moi evidente aos planos de concentración e centralización da riqueza e do poder, do proxecto sobre o que se fundou a Unión Europea. 

Un 61,3% de reprobación á proposta de axuste que a Troika fixo a Grecia é unha boa nova para as clases populares (e as nacións dependentes como Galiza). É unha resposta contundente e moi evidente aos planos de concentración e centralización da riqueza e do poder, do proxecto sobre o que se fundou a Unión Europea. Foino, malia que as clases dominantes empregaron todos os medios ao seu alcance para condicionar o voto dos gregos e gregas. Houbo pronunciamentos públicos que colocaban Grecia diante do suicidio económico e os pensionistas na miseria inmediata,  coas restricións de efectivo por parte do BCE. Os medios privados e os empresarios fixeron unha intensa campaña a prol do si á proposta da UE; tamén xenerais retirados e centos de economistas. Malia que poda parecer simplista, pódese dicir que no referendo grego triunfou a dignidade fronte ao medo. Ficou evidente que existe conciencia en sectores cada vez máis amplos do povo de que pertencer á eurozona non é beneficioso en calquera condición. E este é un exemplo en positivo para outras nacións dependentes e para as clases subordinadas.

"Malia que poda parecer simplista, pódese dicir que no referendo grego triunfou a dignidade fronte ao medo".

Encol da hipótese de que triunfase o non, dicía en dous artigos a pasada semana (publicados en La Región e Galicia Hoxe) o seguinte: “De se rexeitar a proposta da Troika en Grecia todo empurraría á saída do euro e con seguridade da UE, malia que Tsipras teime en evitar unha ruptura con Bruxelas. Abriríase unha situación complexa, de sacrificios durante algúns anos, mais que se repartirán entre todos e todas, e non coma hoxe. Un novo escenario que permitirá recuperar a medio prazo a economía e o emprego, e a soberanía popular. Ademais, tería un efecto positivo sobre a UE, tanto no trato aos países da periferia, como en relación coas políticas económicas e sociais, porque ficará destruído o mito de que non hai máis camiño que o euro e a Unión Europea. Ou sexa, que existe alternativa á submisión, á lei da selva, á sacralización da cobiza e ao individualismo”.

Sen dúbida os vindeiros días serán definitivos en relación coa permanencia ou non de Grecia na eurozona (e pode que na UE). Para que non se produza unha ruptura hai dúas únicas alternativas: que ceda a Troika ou Syriza. Non é tanto o que separa os negociadores de ambas as partes, fundamentalmente unha quita e reestruturación do pago da débeda. O propio FMI recoñece que sen unha medida deste tipo, a débeda grega é impagábel e que é imposíbel unha recuperación da economía. Syriza xa cedeu moito na mesa de negociacións, aceptando novos sacrificios por parte do povo grego por miles de millóns de euros, e incumprindo o programa de Salónica (que xa limara outro anterior). 

"Despois do referendo a situación xa non é a mesma, e iso sábeno tanto a Troika como Syriza"

Agora ben, despois do referendo a situación xa non é a mesma, e iso sábeno tanto a Troika como Syriza, malia que a dimisión de Varufakis pretenda ser unha mostra de boa vontade para chegar a un acordo rapidamente. Tsipras xa non pode dar pasos atrás, non pode aceptar calquera acordo desilusionando a unha gran parte do povo grego. Por iso Merkel reaxeu de xeito tan agresivo, cando hai uns días, confiando en que gañaría o si, dicía que as negociacións continuarían despois do referendo. Calculou mal, como tamén o fixo Schulz, o presidente do Parlamento Europeo, que mesmo chegou a propoñer un governo de tecnócratas para Grecia. Non é de estrañar que aínda que Tsipras teime na liña negociadora, dirixentes de Polonia, Eslovaquia e Rusia xa falen da saída de Grecia da eurozona. 

Se a Troika cede diante de Grecia, sabe que terá que facer outro tanto con outros países da Unión Europea que están nunha situación moi semellante, aínda que non sexa tan grave. Se empurra Grecia fóra do euro, racha co tópico de que a eurozona e a UE son proxectos de futuro, sen marcha atrás, eivando o proceso de concentración e centralización do poder e da riqueza. Non é unha decisión doada. Tampouco será fácil decidir o camiño para Grecia, aínda que acaba de facelo no referendo, porque o que é bo para a maioría social (votar non), contraponse aos intereses dunha minoría privilexiada (alta burguesía, e outros sectores acomodados). 

"Non se pode ignorar que tanto nos países nos que recuou o PIB, como nos que non sufriron tan duramente a crise, aumentou a desigualdade"

Ademais, non se pode ignorar que tanto nos países nos que recuou o PIB, como nos que non sufriron tan duramente a crise, aumentou a desigualdade, precarizáronse as condicións laborais, diminuíron as prestacións públicas, e houbo unha regresión fiscal e nos dereitos democráticos. Daquela que formar parte ou non da eurozona e da UE, sexa un debate de maior envergadura que a cuestión do pago da débeda, da pertenza ou non a un bloque imperialista. O esencial é o capitalismo como sistema inxusto e depredador, e a cuestión da soberanía. Esta conclusión irase abrindo paso na conciencia do povo, a medida que medren as contradicións e se vaian dando pasos adiante na confrontación. En todo caso, alén das debilidades políticas de Syriza, de que non cuestiona o sistema (como teño analizado noutros artigos), o esencial neste intre é que obedeza o mandato popular, que responda ao estado de ánimo do povo, que rache coa subordinación e reverta o proceso de regresión social. As vindeiras semanas dirannos se é así.

http://manuelmera.blogaliza.org/