Opinión

Hexemonía e loita polo poder

Unha acertada caracterización da sociedade, marcarse uns obxectivos claros, analizar se hai máis dunha etapa, ter uns métodos de traballo axeitados para cada unha delas, e unha política de alianzas apropiada, son fundamentais para que os proxectos de liberación nacional e social avancen e terminen en éxito. Agora ben, para desenvolver correctamente estas tarefas políticas é fundamental o traballo colectivo, o partido. Mais, sendo toda organización unha suma de contribucións individuais, teñen moita transcendencia: a experiencia práctica, a comprensión dos sentimentos e estado de ánimo do pobo e a preocupación por aprender doutros procesos semellantes e das reflexións máis sobranceiras que deles se fixo. 

Unha acertada caracterización da sociedade, marcarse uns obxectivos claros, analizar se hai máis dunha etapa, ter uns métodos de traballo axeitados para cada unha delas, e unha política de alianzas apropiada, son fundamentais para que os proxectos de liberación nacional e social avancen e terminen en éxito. Agora ben, para desenvolver correctamente estas tarefas políticas é fundamental o traballo colectivo, o partido. Mais, sendo toda organización unha suma de contribucións individuais, teñen moita transcendencia: a experiencia práctica, a comprensión dos sentimentos e estado de ánimo do pobo e a preocupación por aprender doutros procesos semellantes e das reflexións máis sobranceiras que deles se fixo. 

A lista de pensadores que fixeron engádegas teóricas esenciais nestes aspectos é moi ampla, a saber: Marx e Engels, Lenin, Mao Tse Tung, Gramsci, Mariátegui, Frantz Fanon, Rui Mauro Marini, e moitos máis. Os nomeados eran, ademais de teóricos sobranceiros, sobre todo intelectuais orgánicos, militantes activos que confrontaron as súas ideas na práctica partidaria, o que lle dá un valor especial ás súas reflexións. Hoxe débenselle sumar outros/as pensadores/as achegados ao noso tempo histórico, como son: István Mészáros, Samir Amin, Isabel Rauber, Ricardo Antunes, etc. Agora ben, neste artigo quero aproximar o leitor/ra a ese dirixente político e teórico exemplar, tan pouco coñecido, que foi Antonio Gramsci. Entremos no tema.

"Detido Gramsci no ano 1927, durante a ditadura fascista de Musolini, permanece en prisión ate poucos días antes da súa morte no ano 1937".

Gramsci naceu na Sardeña no ano 1891. Foi primeiro militante socialista, e no ano 1921 formou parte dos fundadores do Partido Comunista Italiano (PCI). Era marxista e admirador de Lenin. Será deputado polo PCI (ano 1923), membro da dirección do partido, e dende 1926 secretario do mesmo ao triunfar súas teses no congreso de Lyon. Detido Gramsci no ano 1927, durante a ditadura fascista de Musolini, permanece en prisión ate poucos días antes da súa morte no ano 1937. Na cadea foi sometido a todo tipo de vexacións, o que non impediu que unha boa parte das súas análises e reflexións foran producidas durante esta etapa da súa vida, concretamente os famosos “Cadernos do cárcere”.

María Antonietta Macciocchi en “Gramsci y la Revolución en Occidente” (Siglo Veintiuno de España Editores, 1976), dinos que Antonio Gramsci valora que “a clase dominante exerce o seu poder independentemente dos compromisos materiais con outras forzas sociais, non sómente por meios coercitivos, senón ademais coa súa visión do mundo, é dicir unha filosofía, unha moral, costumes, un sentido común que favorece o recoñecemento da súa dominación polas clases dominadas. Na linguaxe histórica política, isto significa que o exercicio do poder por unha clase, nun intre histórico determinado, non só é a expresión das relacións económicas dominantes nese momento, senón que serve para difundir certos valores que, á súa vez, están determinados por esas relacións e eses compromisos mediante os cales dita clase consegue axuntar en torno dela todo un conxunto doutras forzas sociais coas que comparte, ou aparenta compartir, o seu poder, illando deste xeito, para oprimila mellor, a clase directamente antagónica”.

"A “sociedade civil” é o alicerce da sociedade política coa que está ligada de xeito indisolúbel, e serve para artellar e transmitir a ideoloxía dominante".

Polo tanto Gramsci, cando analiza a realidade italiana, non só estuda a estrutura económica e política e a súa incidencia sobre a sociedade, senón que ademais valora: como e quen transmite a ideoloxía dominante. Vencella o que acontece no eido da infraestrutura coa superestrutura, e estuda detidamente esta última, xa que considera que existen eivas nas tarefas políticas desenvolvidas neste aspecto. 

Porén ¿que é a superestrutura? Gramsci considera como tal, ademais das institucións e organismos directamente dependentes do Estado, o que denomina a “sociedade civil”. Esta abrangue, a escola, os medios de información, a Igrexa, etc, que desempeñan funcións de hexemonía. Ou sexa: a “sociedade civil” é o alicerce da sociedade política coa que está ligada de xeito indisolúbel, e serve para artellar e transmitir a ideoloxía dominante. Coida, asemade, que a ideoloxía dominante tamén se difunde a través de “aparellos privados”. Neste aspecto di Cesáreo Rodríguez-Aguilera de Prat no seu libro “Gramsci y la vía nacional al socialismo” (Akal, Madrid, 1984) o seguinte: “A sociedade civil, a través dos seus aparellos privados que desempeñan en realidade tarefas públicas, proporcionan a cohesión ideolóxica e nela descansan as relacións de produción e a división social do traballo. A sociedade política fica daquela lexitimada a través da sociedade civil encargada especificamente de organizar e manter o consenso xeral respecto dun determinado sistema”. Cómpre lembrar que a división que fai Gramsci entre sociedade política (o Estado no senso estrito) e a sociedade civil ten nembargantes unha función metodolóxica.

Gramsci elaborou diversos estudos sobre o papel da prensa, analizando como esta contribúe a sustentar a ideoloxía dominante nos réximes liberais para moldear a opinión pública cuns fins determinados. Así por exemplo, nos períodos eleitorais, a prensa e a radio (hoxe poderiamos engadir a TV e internet) poden suscitar estoupidos de pánico e un entusiasmo ficticio para favorecer o predominio ideolóxico (ou emotivo) dos grupos dominantes. Preténdese, que as masas populares ollen como natural a división social do traballo, e o afastamento entre gobernantes e dirixidos. Unha demostración deste aspecto concreto témolo acotío na Galiza: a dependencia, a discriminación sobre a lingua propia, o descoñecemento da historia, e minusvaloración da identidade nacional.

"O poder é exercido en cada momento por un Bloque Histórico que non se reduce a unha simple alianza de clases sociais"

Antonietta Macciocchi  sinala que: “na análise que fai Gramsci da relación entre acción e conciencia das clases subalternas, evidénciase, que cando a acción das masas está en oposición co poder dominante, a súa conciencia, é dicir, a súa propia maneira de pensar, segue marcada pola hexemonía ideolóxica das forzas políticas adversas; pois as masas foron educadas non só cunha mentalidade oposta aos seus propios intereses fundamentais, senón tamén á súa propia praxes”. 

Polo tanto para Gramsci o poder é exercido en cada momento por un Bloque Histórico que non se reduce a unha simple alianza de clases sociais, xa que expresa o vínculo orgánico que une a estrutura económica coas superestruturas xurídico-políticas e ideolóxicas que corresponden a unha estrutura social concreta e historicamente determinada. Nos “Cadernos de Cárcere”, Gramsci definirá a súa concepción sobre o “bloque histórico” do seguinte xeito: “A infraestrutura e as superestruturas forman un bloque histórico, ou sexa que o conxunto complexo, contraditorio e discorde das superestruturas é reflexo do conxunto das relacións sociais de produción”. No bloque histórico, infraestrutura e superestrutura están nunha dependencia estreita nese conglomerado que Gramsci chama “forzas materiais e ideoloxía”. 

"Non abonda con ter maioría política nas institucións, nen impulsar coa toma do poder un cambio na estrutura económica"

Gramsci concreta o bloque histórico de poder, que naquel intre para o seu país era a alianza entre a burguesía do norte industrial e os terratenentes da Italia meridional. A este bloque el opón un novo, que ten como cerne a alianza da clase obreira do norte e o campesiñado meridional, e ao abeiro deste novo bloque histórico teríase que construír a nova hexemonía.

Gramsci realiza unha distinción entre sociedade política e sociedade civil. O Estado sería a sociedade política e representa a forza coercitiva, mentres que a sociedade civil estaría constituída (como xa se dixo) por unha rede complexa de funcións educativas e ideolóxicas. Nalgunhas ocasións dálle ao Estado un conceito máis amplo atinxindo tanto as funcións da sociedade política como da sociedade civil. Faino porque entende, segundo nos di M.A. Macciocchi: “que o Estado (de clase) traballa na formación dunha vontade colectiva, dunha unidade intelectual e moral e polo tanto de estruturación do corpo social enteiro, a fin de que os obxectivos e as ideas das clases dominantes pódanse apresentar como valores universais”.

Dado a importancia do que Gramsci chama a “sociedade civil” na consolidación da hexemonía do “bloque histórico dominante”, e moi especialmente no eido da imposición da súa ideoloxía, dos seus valores e filosofía de vida, non abonda con ter maioría política nas institucións, nen impulsar coa toma do poder un cambio na estrutura económica, porque a ideoloxía da bloque hexemónico politicamente derrotado continua con fortes bases e capacidade de incidencia na sociedade. Mesmo tería capacidade para mudar de novo a correlación de forzas ao xerar contradicións entre a nova situación económico e social é as ideas tradicionalmente dominantes. 

"O Poder Popular baséase en teses enfrontadas ás daquelas forzas que defendían o foquismo ou a insurrección espontánea"

Como afirma Aguilera de Prat, para Gramsci: “a hexemonía é unha síntese de dirección e de dominación, de consentimento e de forza, polo tanto débese entender en dous sentidos: como capacidade dun determinado grupo para dirixir os seus aliados e como acción de forza contra os seus adversarios (...) A hexemonía presupón polo tanto que se teñen en consideración algúns intereses dos grupos sobre os que se exerce a hexemonía, e daquela a combinación de forza e consenso”. Polo tanto a loita pola hexemonía no eido das ideas é unha tarefa esencial tanto antes coma despois da toma do poder. Daquela será aínda máis necesaria cando a mudanza na correlación de forzas só se dá no aparello político institucional.

Un proceso de acumulación que na América Latina, na década dos 60 do século pasado, chamábase a construción do Poder Popular, e que agora intelectuais da esquerda están a recuperar como conceito. Entendíase como un proceso de acumulación de forzas para garantir o éxito da “guerra popular prolongada” ou dunha “insurrección popular”. O Poder Popular baséase en teses enfrontadas ás daquelas forzas que defendían o foquismo ou a insurrección espontánea. Entendían estes últimos que a toma do poder por un pequeno grupo, clarificado e atrevido, garantía posteriormente a construción dunha sociedade socialista e de persoas novas. Estas teorías daban un papel secundario ao movemento de masas, coincidindo neste aspecto coa esquerda economicista, o que as relegaba a ser base de poio da pelexa institucional. O foquismo facía unha leitura errada da Revolución Cubana, ignorando máis dun século de loita contra a colonización española e as posteriores ditaduras dependentes na illa. Esquecían que o proceso cubano foi posíbel por unha progresiva acumulación de forzas e de maduración das ideas liberadoras e de xustiza social, das que a guerrilla de finais da década dos cincuenta foi a exitosa culminación dunha etapa. 

Sen dúbida a extensión conceptual do que significa para Gramsci o aparello do Estado, na Europa occidental, implica novas tarefas para os partidos, frontes, movementos ou calquera tipo de organización, que se propoña derrotar o “bloque hexemónico”, e  transformar a sociedade. Daquela, se na década dos trinta era necesario en Italia un partido de masas, participativo, con tarefas en todos os eidos para avanzar na transformación da sociedade, especialmente para dar con éxito o combate ideolóxico (na formación dunha nova conciencia social) ¡imaxinémonos hoxe! 

"Resulta imposíbel avanzar na liberación nacional e social a menos que se conte cunha forte implantación no pobo, organizado e mobilizado, e a hexemonía no eido das ideas"

Ademais, no marco actual de globalización, na Europa occidental, o novo bloque histórico debe acadar a hexemonía, en principio, ao traveso da mobilización social e a ocupación das institucións. Daquela resulta imposíbel avanzar na liberación nacional e social a menos que se conte cunha forte implantación no pobo, organizado e mobilizado, e a hexemonía no eido das ideas. Tamén é esencial que a mobilización social e a presencia nas institucións non sexa burocrática, e entender que tampouco hai atallos, nen por suposto, unha receita que garanta o éxito. E neste aspecto foi onde Gramsci fixo a súa maior contribución, porque teorizou políticas propias para a realidade económica e social de Italia, sen ignorar a súa evolución histórica e correlación de forzas; daquela que algúns consideren que alentou unha “vía nacional ao socialismo”.

En relación aos tempos de crise, como o actual, cun duro axuste da distribución do traballo e do poder entre clases e países, son de interese as reflexións que nos fai Gramsci cando aposta pola “guerra de posicións” fronte á “guerra de movemento”, utilizando o símil militar para a estratexia política. M.A. Macciocchi destaca que as razóns polas que Gramsci se inclina por esta estratexia “de conquista lenta e progresiva das trincheiras inimigas” é  o convencemento de que “a sociedade civil chegou (na Europa occidental) a ser unha estrutura moi complexa que resiste mesmo os estoupidos máis fortes das conxunturas económicas (crises, recesións, etc.): a superestrutura é na sociedade civil, o que son as trincheiras na guerra moderna”. 

As e os nacionalistas debemos coñecer e utilizar as teorías máis acaidas para a interpretación da realidade, os métodos de traballo, os obxectivos, mesmo de valoración do contexto internacional, mais nunca darán resultado as copias, nen os tacticismos. Cómpre pensar estratexicamente, e aínda que as tarefas que deriven leven máis tempo e esforzo, dentro duns anos verase que así se avanza dun xeito máis firme na construción de poder popular. 

http://manuelmera.blogaliza.org/