Opinión

Fanon: opresión colonial e liberación

Teño tratado noutros artigos as reflexións do analista e militante Frantz Fanon, xa que é unha desas figuras que non pode esquecer. Concretamente polos seus escritos respecto da incidencia da colonización sobre as sociedades subalternas, coloniais. Fanon foi unha referencia esencial no nacionalismo galego na década dos sesenta e na década dos setenta. Naceu no ano 1925 na illa da Martinica, departamento de “ultramar” francés, e morreu moi novo, no ano 1961 en Maryland nos Estados Unidos. Serviu no exército inglés e francés contra as forzas do nazismo alemán, e posteriormente realizou estudos de medicina en Lyon graduándose como psiquiatra no ano 1951. Foi enviado a Alxeria polo governo francés en 1953, como xefe médico a unha clínica psiquiátrica. Nesta colonia de Francia uniuse en 1954 á Fronte de Liberación Nacional (FLN de Alxeria), en plena guerra de independencia.

No vran de 1956 redactou a súa famosa Carta Pública de Renuncia ao Ministerio Residente, por cuxo motivo sería expulso de Alxeria en 1957. Despois de pasar por Francia viaxou en segredo a Tunisia onde se incorporou ao colectivo editorial “El Moudjahid”. Durante este período actuou como embaixador do Governo Provisional Alxerino en Ghana, e asistiu como seu representante a numerosas conferencias en países africanos (Guinea Conakri, Etiopía, Congo, Exipto, Libia...).

Entre as conferencias e xuntanzas nas que participa destaca a realizada en abril de 1958 en Accra, a capital de Ghana, na que forma parte da delegación de Alxeria na Conferencia Panafricana. Trátase da Primeira conferencia de estados africanos independentes, por iniciativa de Nkrumah presidente deste país, independente desde 1957. Naquela altura só eran oito os estados que tiñan esta condición: Exipto, Ghana, Sudán, Libia, Tunicia, Liberia, Marrocos e Etiopía. O temario centrouse na defensa da independencia nacional e dar pulo ás relacións económicas. Ademais, para fortalecer a loita anticolonial, Nkrumah convocou en decembro de 1958 unha Conferencia de Todos os Povos de África, non restrinxida a representantes dos governos, á que acudiron 62 organizacións.

Frantz Fanon fixo importantes reflexións que foron publicadas posteriormente á sua morte. Por exemplo en libros como: “Sociologia de la Liberación” editado no ano 1969 na Arxentina. Nel dinos respecto do proceso previo á Guerra de Liberación: “Despois de 1945 Alxeria irrompía na escena internacional. Durante semanas, os 45 mil mortos de Sétif e Guelma alimentarán os xornais e boletíns de información (...) Os propios alxerianos manifestan (signo previo de cambios máis profundos) transformacións a partir dos irmáns mortos ou mutilados e a través da simpatía de homes e mulleres de América, Europa e África. O espertar do mundo colonial e a liberación progresiva dos povos oprimidos perante moito tempo, sitúan a Alxeria nun proceso que a desborda, e ao mesmo tempo que constrúe seus alicerces”

En “Os Condenados de la Tierra” recolle os máis coñecidos dos seus textos, e considerase seu testamento político. As análises que realiza son unha importante contribución á comprensión dos procesos coloniais no ámbito cultural e do patrón do comportamento social das persoas sometidas a esta situación. Deste libro é a seguinte reflexión: “A cultura nacional é, baixo o dominio colonial, unha cultura sometida, cuxa destrución é alentada de xeito sistemático. Moi pronto é unha cultura condenada á clandestinidade. Esta noción de clandestinidade é percibida axiña polas actuacións do ocupante, que interpreta a vixencia das tradicións como unha fidelidade ao espírito nacional, como unha negación a se someter (...) para asimilar a cultura do opresor, e aventurarse nela, o colonizado tivo que dar garantías. Entre outras, fixo súas as formas de pensamento da burguesía colonial.” Unha reflexión valida aínda hoxe para todas as nacións dependentes.

Comentarios