Opinión

O espellismo exportador e o mito da globalización

Segundo a Troica, e practicamente todos os organismos internacionais, para garantir o desenvolvemento, o emprego e salarios dignos, a única solución existente, neste contexto histórico, é o aumento das exportacións e a internacionalización da economía e das empresas. Ou sexa, abrazar a globalización neoliberal. E seica esta receita vale tanto para as potencias imperialistas como para os países dependentes e periféricos, para as corporacións e para as pemes. Agora ben ¿realmente é así?

Segundo a Troica, e practicamente todos os organismos internacionais, para garantir o desenvolvemento, o emprego e salarios dignos, a única solución existente, neste contexto histórico, é o aumento das exportacións e a internacionalización da economía e das empresas. Ou sexa, abrazar a globalización neoliberal. E seica esta receita vale tanto para as potencias imperialistas como para os países dependentes e periféricos, para as corporacións e para as pemes. Agora ben ¿realmente é así?

"As grandes compañías (e fortunas) teñen enormes vantaxes para vender a nivel global pola súa propia dimensión e complicidade co poder político"

A máis mínima análise reflicte que non é verdade, xa que, nun mundo onde o fundamental é a obtención de lucro e polo tanto o control dos mercados, a internacionalización da economía favorece a uns e prexudica a outros. Non existe unha regulación solidaria dos intercambios, nen unhas condicións de competencia xustas, senón a máis dura lei da selva, de xeito que, se fallan as regras de xogo comerciais feitas a medida dos máis fortes, utilízanse a espionaxe, as sancións económicas, o desprestixio, e a represión militar. 

Resulta evidente que as grandes compañías (e fortunas) teñen enormes vantaxes para vender a nivel global pola súa propia dimensión e complicidade co poder político, mais o proceso acelerouse polos acordos de libre comercio e investimento, e a restrición do crédito ás empresas que non son consideradas “sistémicas” pola banca e non cotizan en Bolsa. Deste xeito as corporacións fóronse apropiando dos mercados das empresas ligadas a un territorio. Estas son as que dan folgos a economías máis autocentradas, e que garanten un equilibrio no comercio exterior, e un modelo que permite que os estados poidan planificar a economía e os ingresos fiscais cunha certa eficacia. Esa situación mudou en boa medida, agás nas potencias imperialistas, mais cunha dependencia cada vez maior das corporacións. Polo que, coa ameaza da deslocalización e o espellismo das exportacións, mantense alta a man de obra de reserva para baixar os salarios, elimínanse prestacións e os impostos son cada vez máis regresivos e favorábeis aos máis poderosos. 

"Para que uns estados teñan un saldo exterior positivo outros teñen que telo en igual medida negativo"

Sen dúbida é unha utopía garantir o equilibrio do comercio exterior para todos os países, e sobre todo facelo positivo, para favorecer medidas de crecemento noutras áreas, tanto económicas como sociais. Primeiro, porque, os países periféricos e/ou dependentes carecen con este sistema, e nesta etapa, da capacidade necesaria para planificar estas políticas e a das corporacións que as deberían aplicar. O resultado dependerá en boa medida de cales sexan os intereses das potencias imperialistas e das grandes empresas nese momento concreto. Por exemplo, algúns dos estados periféricos produtores de enerxía e de certas materias primas teñen hoxe un saldo comercial positivo, mais será polo tempo que duren estes recursos, que dado o carácter depredador do sistema, será moi limitado ou, cando se trata de actividades secundarias, mentres sexan un factor de obtención dun maior lucro. Segundo, para que uns estados teñan un saldo exterior positivo outros teñen que telo en igual medida negativo; polo que, canto maior sexa o auxe exportador (globalizador) máis forte será a deflación social e máis grande a desigualdade entre territorios. Ou sexa, nun países a internacionalización crea riqueza e poder e noutros recrea o atraso e a dependencia.

A competencia nun mercado globalizado só se pode dar con éxito a dous niveis: ou mediante a anovación tecnolóxica e mecanismos de control que eviten a súa copia, e o predominio no mercado (ou sexa, ser unha potencia militar e económica que impón as regras de xogo); ou posuíndo inxentes recursos primarios ou parcialmente transformados a prezos moi baixos. E neste último caso teríase que competir coas potencias emerxentes, ou con países cunha inmensa man de obra e salarios moi baixos e carentes de prestacións sociais. 

"No caso concreto da Unión Europea as posibilidades, por parte das nacións sen estado ou periféricas, de utilizar ás exportacións como trampolín para o desenvolvemento e a creación de emprego son aínda mais limitadas e negativas a medio prazo".

Poñer o exemplo do desenvolvemento de Noruega, Catar ou Brunei, non vale, porque reproducir a súa renda por persoa só é posíbel posuíndo enormes recursos enerxéticos (escasos a nivel mundial), e polo tanto un modelo de desenvolvemento que non é exportábel. Tampouco serve o exemplo de Corea do Sul, xa que o seu avance deuse noutro momento histórico, baseado nos intereses xeoestratéxicos dos Estados Unidos na zona, e cun forte control da economía por parte do Estado, moi afastado do neoliberalismo que hoxe se predica como solución. 

No caso concreto da Unión Europea as posibilidades, por parte das nacións sen estado ou periféricas, de utilizar ás exportacións como trampolín para o desenvolvemento e a creación de emprego son aínda mais limitadas e negativas a medio prazo. A deflación das condicións de vida das clases populares non só reduciu o consumo e afundiu máis a ocupación laboral, senón que non garantirá por moito tempo a recuperación das exportacións. Ante todo, porque os países “máis competitivos”, como Alemaña, Países Baixos e Francia, están acometendo medidas semellantes, reducindo prestacións, salarios e a fiscalidade para as empresas, polo que o avance competitivo dos PIGS mediante inmensos sacrificios, será absorbido rapidamente e alentará novas medidas regresivas. Por se non abondase, os acordos de libre comercio que se están asinando con moitos países, e o TLC que se está a negociar en segredo cos Estados Unidos, serán un novo mazazo para determinados sectores produtivos, como o agro, as pequenas empresas, que verán invadidas todas as súas áreas de produción, transformación e servizos polos oligopolios (que ademais impoñen gustos de consumo a través dos medios de masas). 

"O predominio da internacionalización do comercio e a especialización da produción a nivel mundial son funcionais exclusivamente aos que están capacitados para confrontar este reto, é dicir: as grandes empresas e potencias imperialistas". 

Un caso evidente das análises anteriores é a nosa nación, Galiza. No ano 2008, o último do que hai táboas input-ouput, as exportacións foron inferiores ás importacións en 6 mil 200 millóns de euros. Un 53% das exportacións ían ao Estado español e un 36,05% a outras nacións da UE. Tiñamos un saldo negativo, tanto co Estado español, como coa UE e co resto dos países do mundo. Se analizamos as exportacións, ollamos que un 25,7% foron vehículos de motor, un 7,98% produtos metalúrxicos, un 7,04% conservas de peixe; a estes seguíanlle a confección, refino de petróleo e outro material de transporte (naval) con máis dun 5% cada un deles. Algúns anos, a exportación de enerxía e a construción naval acadou porcentaxes moito máis altas. Se analizamos as importacións, destacan en primeiro lugar a de vehículos de motor, despois a industria extractiva, a metalurxia, produtos químicos e farmacéuticos, produtos metálicos e equipamento, todos con máis do 5% cada un. Agora ben ¿que control ten ou tería o Goberno galego sobre a maioría destes sectores para planificar unha política exportadora? Practicamente ningún, xa que están en mans de grandes empresas como son Citroën, Alcoa, Zara, Unión-Fenosa, etc. Trátase en moitos casos de empresas de enclave; só o sector pesqueiro-conserveiro completa os ciclos no país, e hoxe está en plena crise, malia a internacionalización das súas empresas. Sen dúbida teñen moito que ver con isto, os TLC e acordos de libre comercio, así como a competencia de empresas apoiadas por estados e grupos económicos máis poderosos.

Asemade ¿que poden producir en escada global os pequenos países ou as zonas periféricas? Moi pouco, por máis que se persiga unha e outra vez o mito do mercado da calidade, máxime cando a tendencia é a centralizar o poder e a riqueza, e polo tanto a poboación, a creatividade e o dinamismo económico, nas áreas centrais do sistema. O espellismo exportador alenta o mito de que coa globalización neoliberal, ou sexa no imperialismo desta etapa, é posíbel desenvolver a economía e acadar o benestar para as clases populares, con algúns axustes e esforzo. Nada máis lonxe da realidade.  O predominio da internacionalización do comercio e a especialización da produción a nivel mundial son funcionais exclusivamente aos que están capacitados para confrontar este reto, é dicir: as grandes empresas e potencias imperialistas. Un camiño contrario á eliminación da dependencia, á democracia, á preservación do ecosistema, e a un desenvolvemento equilibrado e solidario da humanidade. A internacionalización da economía debe ser complementaria a un desenvolvemento autocentrado e sustentábel, ¡nunca o sistema predominante! Claro que para reverter o actual proceso, cómpre unha mudanza radical na correlación de forzas e, sobre todo, destruír o capitalismo. Mentres tanto, moitos seguirán pensando en como esmagar o veciño do lado ou ser máis servís, segundo o lugar que se ocupe na escada do poder.

http://manuelmera.blogaliza.org/