Opinión

Centrais nucleares como arma de guerra

Resulta evidente que, despois de máis dun mes de ofensiva, os obxectivos que se marcaba o governo de Zelenski de recuperar toda ou unha boa parte do territorio ocupado por Rusia, non se cumpriron, malia a entrega de mais e mellor armamento pola OTAN. Os avances foron mínimos, os custes en homes e material militar enormes, e todo indica que en calquera intre o exército ruso realizará unha contraofensiva. A menos que a adíe porque valore que neste intre é máis positivo  seguir desangrando ás forzas ucraínas e por extensión en armamento e prestixio aos países da OTAN. Por exemplo, nunha área como a Bakhmut, unha cidade que está en boa medida destruída, e está moi afastada da ruta de Crimea e o mar de Azov que teñen un gran valor estratéxico.

Ou estaría Putin esperando a ver cales son as decisións que se toman na reunión de Letonia?  Se fose así, resulta evidente que a afirmación de Biden de que “a OTAN non se renderá a Rusia” ademais dun recoñecemento implícito da participación na guerra, demostra que están dispostos a realizar máis esforzos para, cando menos, colocarse nunha mellor situación na mesa de negociación, máxime cando está tan comprometido o prestixio de Estados Unidos.

O subministro da OTAN de avións, mísiles de medio e longo alcance, e agora seica “bombas de racimo” por parte dos Estados Unidos, non vai mudar a correlación de forzas no eido militar, aínda que alongue o conflito. Co que isto último implica en custes humanos e económicos, especialmente para a Ucraína, e tamén para Rusia (aínda que sexa en menor medida). Tamén afecta á maior parte dos países do mundo, agás aqueles que obteñen beneficios coa guerra, como é o caso do complexo industrial militar USA. Ademais abre fendas no comercio internacional e nas relacións a outros niveis coa agresión e mentira, co obxectivo de frear a expansión de China, porén tamén doutras potencias emerxentes ou de países que queren manter ou conquistar unha soberanía real.

Nun escenario no que os relatos son cada vez máis agresivos, especialmente por parte de occidente, a escalada en materia de armamento da OTAN implica un salto cualitativo no conflito, polo que ademais de alongar no tempo a confrontación armada pode estendela. E isto último é moi posíbel se hai un bombardeo á central de Zaporiyia, en territorio controlado por Rusia, e sería máis grave de tratarse dun reactor nuclear en territorio da Federación. Ou se os mísiles enviados por Francia, que seica chegarían até os 500 quilómetros de distancia, son utilizados contra territorio de Rusia.

Polo tanto ten lóxica que Rusia cambie a súa estratexia e decida asumir unha actitude militar máis agresiva, conquistando novos territorios, poñendo así en cuestión o relato da OTAN e de Zelenski para seguir utilizando a escusa, co apoio dos grandes medios, de que Rusia está no límite da súa capacidade, Putin debilitado no seu liderado, e a economía da Federación golpeada. Este aspecto tamén ten importancia polo que representa simbolicamente a confrontación para os chamados países emerxentes e moi especialmente para as potencias rexionais, así como na formación da conciencia colectiva a nivel mundial.

Nesta guerra xa se traspasaron moitos límites, como a sabotaxe aos oleodutos nord-stream, a destrución parcial da presa Kajovka, asasinatos de civís destacados, etc. no que semellan iniciativas do exército de Kiev, ou de grupos fascistas sen que o governo da Ucraína se desmarcase e “occidente” as condenase en ningún caso. A complicidade é evidente. O envío de tropas por parte do Estado español a Chequia e Romanía, seica para garantir a seguridade destes países, sen que se debatese no Parlamento, é un paso máis do Governo español e atrancos no dialogo e procura da paz. Son medidas que colocan á sociedade diante de decisións consumadas (ulo a democracia?)  e amosan a complicidade do Executivo de Pedro Sánchez. Tamén deixan en evidencia que en temas esenciais, estratéxicos, tanto o PP como o PSOE defenden os mesmos intereses imperiais.