Opinión

Alonso Ríos e a proclamación do Estado Galego

Ao abeiro da folga na construción do ferrocarril A-Coruña-Zamora, ás dúas da mañá do 25 de xuño de 1931, no concello de Ourense izouse a bandeira galega e un mozo dirixiuse aos concentrados declarando constituída a República Galega. O 26 de xuño de 1931, reuniríanse nesta cidade delegacións de toda a Galiza para asistir á asemblea sobre a suspensión das obras. Os operarios acordaron convocar folga xeral pra o día seguinte. Os xornais salientan das reunións a intervención de Antón Alonso Ríos, como presidente da “Comisión Permanente a Prol do Estatuto”. Tamén chegaron á cidade unha morea de obreiros afectados pola paralización doutras localidades, a maioría deles da comarca do Carballiño. Na noite dese día un grupo de manifestantes asaltou o edificio do Governo Civil, rachando a bandeira tricolor e erguendo a bandeira galega ao berro de ¡Viva Galiza ceibe!

Ao día seguinte, en Compostela dábase un paso máis neste sentido, ao proclamar o Estado Galego e aclamar a Antón Alonso Ríos como Presidente do Governo provisional. Isto acontecía logo dun gran mitin na Alameda, despois do cal os asistentes trasladáronse á casa do Concello, onde se izou a bandeira galega. Estas demostracións de galeguismo fixéronse ao abeiro da folga e das protestas dos operarios das obras do ferrocarril, xa que se opuñan á paralización da construción, que daba emprego na Galiza a 12.000 obreiros. Esixían do Governo provisorio da República española, co apoio da maioría das forzas políticas e institucións de Galiza, a continuidade das obras, que eran fundamentais pra o futuro da nación galega. A República foi proclamada o 14 de abril dese ano, e as eleccións pras Cortes Constituíntes estaban convocadas pra o 28 de xuño. Malia o carácter simbólico das proclamacións da República Galega reflicten cal era o estado de ánimo da povoación, especialmente do movemento obreiro e da mocidade, respecto desta reivindicación.

A proclamación de Alonso Ríos como Presidente naquela manifestación non foi unha casualidade, xa que dende que chegou de Bos Aires, xunto con Suárez Picallo e Campos Couceiro, tiveron un destacado papel na loita a prol do Estatuto de Autonomía. Os tres viñan en representación da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires, e dalgún xeito tamén o facían respecto do conxunto da maior colectividade galega na emigración. A pouco de chegar, Alonso Ríos participou na asemblea que ORGA realizou na Coruña (4 e 5 de xuño) para debater un proxecto de Estatuto, na que tivo un papel destacado. Nesta asemblea acordábase: o recoñecemento da igualdade de dereitos políticos entre o home e a muller, a definición de quen é galego/a e a condición dos cidadáns españois na Galiza, e afirmábase a Galiza como un Estado autónomo dentro da República española. Un bo comezo que atoparía unha morea de atrancos, por mor das resistencias do centralismo e pola inconsistencia política da propia ORGA, por mor das súa contradicións internas tanto no aspecto nacional como social. Afastado de ORGA, Alonso Ríos, foi elixido deputado no ano 1936 co apoio dos agraristas, e adscribiuse posteriormente ao Partido Galeguista. Despois do golpe de estado militar, no exilio, por mor da ditadura franquista, tivo un papel sobranceiro na Irmandade Galega de Bos Aires (a fronte política auspiciada por Castelao) e no Consello de Galiza (un xeito de Governo galego no exilio).

Coñecín  a Alonso Ríos a finais da década dos sesenta do século pasado, ao pouco de que ingresar na Irmandade Galega e xa sendo eu secretario desta fronte política, e el Presidente da Consello de Galiza. Xa era un home maior, duns oitenta anos, mais que tiña unha enorme vitalidade física e claridade mental. Sempre de traxe e camisa branca, camiñaba erguido, daba unha imaxe de persoa coidadosa tamén neste aspecto dado seu cargo. Das veces que falei con el encol da cuestión política da Galiza tirei a conclusión de que era unha persoa de esquerda e un nacionalista que tiña como meta acadar a liberación nacional de Galiza. Nestas xuntanzas en ningún caso fixo referencia ao seu extenso e sobranceiro pasado político, tanto na emigración como durante a República e da persecución da ditadura franquista. A súas inquedanzas estaban centradas no futuro do povo galego.

Alonso Ríos teimaba, naquela altura, xa moi maior, entre outros temas, na importancia de que os galegos e galegas deran expresión a formas relixiosas propias cunha igrexa de seu, recoñecendo así o secular panteísmo, xa que deste xeito se afortalaban os sinais de identidade e a necesidade de termos un estado soberano. Coidaba  que a diferenza relixiosa foi fundamental pra que os irlandeses acadaran a independencia do Reino Unido, polo que podería ser unha vía para que Galiza fixese o propio. Alonso Ríos Relatou as peripecias vividas na súa fuxida do golpe militar franquista no libro “O siñor Afranio: ou como rispei das gazoupas da morte”. Morreu na Arxentina en 1980 aos 93 anos de idade. Naceu no concello de Silleda no ano 1887, en 1908 emigrou á Arxentina, país no que morreu no ano 1980.

Comentarios