Opinión

África: fin do neocolonialismo?

Hai dous meses neste mesmo xornal preguntábame, se África non estaría fronte a unha nova oportunidade, tendo en conta por un lado un proceso de liberación que foi substituído polo neocolonialismo, e polo outro, o medre do PIB e o papel cada vez máis destacado deste continente. Esta tendencia positiva debese á riqueza en materias primas cada vez máis necesarias, porén tamén a que China fixo importantes investimentos para asegurarse seu subministro, co que isto implica respecto da construción de infraestruturas e servizos anexos, e novas referencias económicas e políticas.

Este paso adiante, especialmente da África Subsahariana, non se dá por igual en todos os países, e non está exento de contradicións e polo tanto novos retos a superar. Tanto en relación co enorme medre da povoación, tema preocupante porque é un dos problemas que alenta a agresión ao ecosistema, como pola precariedade laboral e social, por mor da enorme dependencia externa no eido da economía. Ao que se debe engadir o aumento da violencia, un problema agravado pola expansión dos grupos terroristas do islamismo radical, que aproveitan as enormes desigualdades sociais e a falta de futuro para unha gran parte dos habitantes, ademais das confrontacións étnicas (como herdanza dunha división colonial feita á marxe das nacionalidades).

Este dobre papel das "democracias occidentais", que ademais non deixan de intervir e sancionar aos países que non seguen as súas directrices, é o que se está evidenciando unha vez máis no Níxer.

E aínda que semelle en principio contraditorio a expansión do terrorismo tamén ten súa cara boa para o imperialismo, en certos momentos e lugares da periferia; vexase a paralela expansión militar e económica de Francia, e sobre todo dos Estados Unidos (daquela a falta de efectividade de ambas potencias para evitar o crecemento do terrorismo?...). Para alén de antecedentes como os de Malí e Burquina Faso, onde este nexo de intereses resulta evidente, por nomear só algúns dos países afectados; o golpe de estado en Níxer hai uns días, ademais de reproducir un escenario semellante, todo amosa que pode representar un salto cualitativo na rexión, xa que cuestiona máis unha vez o dobre papel das potencias occidentais na loita contra o terrorismo islámico.

En realidade non se trata tanto de que haxa unha alianza entre ambas partes, como de que Francia e Estados Unidos non están facendo os esforzos necesarios para eliminar o problema do terrorismo, que foi a escusa para enviar tropas, manter e facer bases nestes países e exercer un abafante tutelaxe político. Estas son as cuestións de fondo para os golpes militares, sumado a unha situación social e económica moi degradaba, agás para as transnacionais e unha dependente e estreita burguesía local.

Este dobre papel das "democracias occidentais", que ademais non deixan de intervir e sancionar aos países que non seguen as súas directrices, é o que se está evidenciando unha vez máis no Níxer. Mais, malia o inmenso poder que teñen os medios de comunicación occidentais para impoñer a fotografía única dos feitos, esta vai perdendo o relato vai perdendo a súa hexemonía polas contradicións cos acontecementos que, unha e outra vez, pintan unha realidade moi distinta. Só este aspecto, perder a batalla do relato, é o que frea a Francia para intervir militarmente,... mais seguramente contará co apoio occidental para aplicar todo tipo de sancións e bloquear axudas a fin de dinamitar a economía do país, dándolle fogos á conflitividade interna (política, social, medios de comunicación, terrorismo).

Queda como incógnita, que se debería resolver estes días, se haberá unha invasión comandada por Nixeria para restablecer o anterior governo (aínda que non é tan doado, máxime tendo en consideración aos seus conflitos internos co terrorismo, e étnicos). Un paso así abriría unha nova fronte de conflito a nivel rexional e global. Sería unha mala solución, mesmo para as potencias occidentais (daquela a viaxe de Victoria Nuland). O panorama xa é moi complexo no mundo, e non está claro que podan impedir que Rusia gañe a guerra na Ucraína. As tensións valen para frear a expansión de China, Rusia e outras potencias rexionais, mais dentro dunha orde, cun control. Isto tamén o sabe Washington... a cuestión para occidente é que, malia todas as intervencións e sancións, estase fortalecendo un mundo multipolar. E agora todo indica que se suma África.