Opinión

O 1º Congreso da Emigración Galega e Pepe Velo

Entre o 24 e 31 de xullo de 1956 celebrouse en Bos Aires o 1º Congreso da Emigración Galega. A data escollida non foi casual xa que coincide co cen aniversario do banquete de Conxo, tal como fai referencia a publicación que se fixo sobre o evento. O Congreso converteuse nun acto de critica á ditadura franquista e de reivindicación de liberdade para Galiza, e non podía ser doutro xeito tendo en conta a falta de dereitos democráticos máis básicos no Estado español.

Que se fixera na Arxentina tiña lóxica xa que era un país no que estaban residindo medio millón de emigrantes galegos e galegas, no que ademais existía unha forte organización asociativa, así como unha importante tradición galeguista e republicana. Ao encontro asistiron delegacións de moitas entidades de emigrantes na Arxentina, mais tamén de Uruguai, Chile, México, Venezuela, Brasil, Cuba e Estados Unidos. A presidencia honoraria foi concedida a tres grandes figuras históricas da nación galega que non casualmente vinculaban a Revolución de 1846 co presente: Alfonso R. Castelao, Alexandre Bóveda e Antolín Faraldo.

O Congreso estaba conformado por comisións que trataron temas vinculados coa emigración, naquel intre masiva. Daquela que se analizase todo o referente ao tema, e moi especialmente as causas e a súa solución. As comisións eran as seguintes: pasado da emigración galega; presente da emigración galega; o problema do emigrado galego; a emigración galega na vida social, as entidades mutualistas máxima creación da emigración galega; a emigración galega na vida económica; a emigración galega e a cultura. Estiveron a debate unha morea de relatorios, asinados por algunhas das figuras galegas máis sobranceiras da época, o que amosa a preparación e transcendencia do encontro. Entre os asistentes cómpre destacar a: Suárez Pícallo, Antón Alonso Ríos; Ramón Valenzuela; Neira Vilas; Lino Pérez; Carlos Velo; Xosé Abraira; Emilio González López; Xerardo Álvarez Gallego; Ricardo Flores; Manuel Meilán; Lois Tobío; Antón Moreda; Bieito Cupeiro; etc.

A intervención que causou un maior impacto seica foi a de Xosé Velo Mosquera, daquela exiliado en Venezuela. Velo aproveitou a oportunidade para reunirse cos Mocidades Galegas de Bos Aires, as que lles propuxo realizar accións máis contundentes contra a ditadura franquista. Poucos anos despois Xosé Velo impulsaría o DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) e dirixiría con Galvao a captura do barco Santa María (1961), para denunciar as ditaduras de Franco no Estado español e Salazar en Portugal e que tivo unha gran repercusión internacional. O que amosou a importancia do atrevemento e a iniciativa para remexer a situación, e denunciar dous réximes que pretendían perpetuarse, normalizando as relacións coas potencias occidentais. Polo tanto foi un contributo máis á loita anticolonial na África portuguesa e ao nacemento na Galiza de partidos nacionalistas na década dos sesenta.

Lembremos a vida de Xosé Velo, xa que aínda é moi descoñecida. Este galeguista naceu o 21 de abril de 1916 en Celanova, onde hoxe unha rúa leva o seu nome como recoñecemento á súa laboura a prol da democracia e de Galiza, por iniciativa de FESGA no ano 1996. Durante a República integrouse na Federación de Mocidades Galeguistas, na que foi elixido secretario xeral no 2º congreso, xuño de 1935. Despois do Levantamento Militar de 1936, desenvolve a súa militancia política na clandestinidade, en Vigo, onde no ano 1944 sería detido. Cando sae en liberdade en 1945 refuxiase en Moreira (Celanova) de onde pretende saír cara o exterior vía Portugal. Neste país é detido e seica grazas á intervención persoal de Romulo Gallegos, daquela presidente de Venezuela, evitase que sexa devolto ao Estado español e poda chegar a ese país sudamericano. Sobre a vida deste nacionalista ten publicado un libro Antonio Piñeiro, do que fixen a introdución.

Feitos e nomes que cómpre lembrar, como o 1º Congreso da Emigración Galega e dunha personalidade como Xosé Velo, ambos moi relacionados coa defensa e promoción da Nosa Terra e a súa historia recente. Ou sexa, a historia da longa noite de pedra descrita por Celso Emilio Ferreiro, da traxedia da Guerra Civil e da represión, da resistencia interna, do exilio. Reflicte que a Galiza ceive e popular tamén seguiu latexando con forza na clandestinidade e na emigración.