Opinión

Deixe de difamar, señor Rueda

Alguén imaxina como serían as campañas electorais en 1977 e 1979 se naquel momento as forzas políticas da oposición, as galegas e as de todo o Estado, se dedicaran a recordar que os dirixentes de Alianza Popular e da UCD e moitas das persoas que integraban eses dous partidos proviñan da estrutura do propio franquismo, dun réxime non democrático que nacera asasinando só nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal a unhas mil persoas, que hoxe afortunadamente coñecemos polos seus propios nomes?

Nada diso se fixo. A amnistía de 1977 deixou impunes todos os delitos do franquismo e nos procesos electorais non estivo presente a lembranza da barbarie fascista do 36, na que incluso participaran directamente algúns persoeiros que se presentaban ás eleccións e que logo ocuparían importantes cargos nas primeiras institucións democráticas.

Este proceder do conxunto da esquerda axudou, sen dúbida algunha, a reconciliar a sociedade, a que sufrira a represión e a que a exercera, e a celebrar as eleccións nun clima de debate político certamente intenso, pero fundamentalmente de carácter programático, non difamando e criminalizando persoas e partidos que tiñan profundas raíces na ditadura franquista. Incluso haberá quen pense, e con toda razón, que todo aquilo foi moi inxusto coa memoria das vítimas e un tremendo erro histórico. Mais foi o comportamento xeral de toda a oposición.

O Partido Popular, pola contra, leva moitos anos utilizando contra os seus adversarios políticos en todos os procesos electorais a inmensa dor que ETA causou ao longo da súa historia, e pouco importa que ETA se disolvera definitivamente o 20 de outubro de 2011 e que esa organización xa non exista hoxe. ETA segue a ser unha arma electoral para o PP. Até nesta campaña electoral das eleccións galegas, con todos os problemas que ten o noso país, o señor Alfonso Rueda sacou a sigla de ETA no debate da TVG. Hai que posuír ben maldade para actuar así, de xeito tan ruín! Moi malas deben ser as súas previsións electorais para caer en tanta vileza.

E logo está o fantasma de Bildu. Ninguén pode relacionarse con Bildu e menos acordar nada con Bildu. Ao PP dálle igual que a sentenza do Tribunal Constitucional 62/2011, do 5 de maio de 2011, legalizara Bildu e recoñecese o dereito desa organización a participar nos procesos electorais e a formar parte do sistema democrático en igualdade de condicións que calquera outro partido político.

Tampouco lle importa nada ao PP e ao señor Alfonso Rueda que o 18 de maio de 2023 a Fiscalía Xeral do Estado, citando xurisprudencia do Supremo e do Constitucional, concluíra que Bildu é “unha formación democrática” e que confirmara “a legalidade dos seus medios e a compatibilidade dos seus fins cos principios democráticos”. O PP ao seu: a criminalizar aos seus adversarios.

Este país e esta sociedade non merece un presidente da Xunta que utiliza armas tan inaceptábeis no debate político democrático. Se esa é a altura moral de quen aspira a ocupar a Presidencia da Xunta de Galicia, esa persoa queda absolutamente descualificada humanamente para representar a un pobo como o galego, que a única violencia que sufriu foi a violencia fascista do 36 e do franquismo. Non, o señor Rueda non é digno de representar a unha sociedade democrática e moderna.

Comentarios