Opinión

Oficio de edición

Italo Calvino confesou que traballando nunha editorial "se lle volve a un o corazón de pedra", "alí un remata por non sentir nada, por asumir unha máscara de cinismo". Afirmacións con intención de desmitificar o oficio de edición, que exerceu durante tres décadas en Einaudi editore, mais que no fondo reflicten algo que sabemos todos os editores: o noso é un oficio que, en termos xerais, provoca máis antipatía que simpatías, no que se combinan algunhas xornadas de gozo con moitas outras de melancolía. Pola súa natureza de actividade de mediación lectora, a edición achega máis insuficiencias ca satisfaccións, xa que ademais de desenvolvela na oficina, obriga a quen a exerce a participar nas políticas culturais do seu tempo. O editor escolle, filtra e coida os textos; conversa e acompaña aos autores e autoras, mais tamén se compromete no devir da sociedade da que forma parte. Velaí como no caso galego, non hai posibilidade de edición, se non existe un compromiso inquebrantable coa causa resistente da lingua e da propia nación.

Certo é que no oficio existen criterios e estilos diversos para desenvolvelo, aínda que todos estean condicionados polas cifras dos custos editoriais e das vendas libreiras, xa que se as edicións non se venden, non hai retorno posible para continuar publicando outras novas. Con todo, e volvendo ao Calvino editor, o anterior ás Leccións americanas (Kalandraka 1999), asumo que continúan sendo útiles os seus tres criterios para valorar se un orixinal merece ser publicado: acreditar se posúe unha linguaxe de seu, xa que editamos textos; identificar se posúe unha estrutura, xa que publicamos libros; acreditar se amosa algo, a ser posible algo novo, xa que ofrecemos novidades ou recuperamos a memoria literaria. Xaora, sexa utilizando os criterios de Calvino ou non, comparto o que escribiu o editor Constantino Bértolo en Una poética editorial (Trama 2022): "No oficio de edición hai que desvelarse por achegar, por intervir, por contaxiar" entusiasmo. 

Comentarios