Opinión

Educación dixital

Tras máis dunha década de educación dixital en Galicia, a Consellaría de Educación non presentou aínda a avaliación do seu modelo. O que chama a atención xa que dende 2009, inicio do programa Abalar,  leva investido 84 millóns de euros destinados na súa maior parte a dotar de infraestrutura informática (portátiles para o alumnado, carros de recarga, encerados interactivos, puntos de acceso wifi e contorno virtual de aprendizaxe para as aulas) aos 469 centros que imparten 5º e 6º de Primaria e 157 de ESO participantes no curso 2023-2024 no programa E-Dixgal, case un 60 % da rede de centros públicos. Unha estratexia dixital coa que desapareceron de raíz destas aulas de Primaria os libros de texto impresos, da que se descoñece se foi avaliada algunha vez polas autoridades educativas, tanto no referido ao nivel de adquisición das aprendizaxes e competencias do alumnado, como da súa adecuación ao proceso de hibridación dixital da sociedade galega. Programa, no caso de E-Dixgal, iniciado en 2014, que obriga o profesorado a escoller os contidos dixitais, as secuencias curriculares e a metodoloxía didáctica só entre as tres propostas ofertadas pola Consellaría de Educación  (Aula Planeta, Edebé e Netex), que supoñen apenas o 5 % dos fondos investidos no programa, deixando fóra as do resto das editoras. Máis alá da limitación da liberdade de cátedra que para o profesorado isto supón, os estudos académicos que se ocuparon de E-Dixgal coinciden en que o profesorado participante sinala, entre outras propostas, a necesidade de introducir cambios no relativo á calidade dos contidos ofrecidos, mellorar a formación do profesorado, incrementar a calidade de conexión e renovar o deseño do Espazo Abalar, fomentando que as aulas compartan as súas actividades interactivas e obxectivos didácticos dixitais. Polo que se ve a educación dixital non vai só de contar con portátiles e pantallas. Urxe que a Consellaría lle dea unha volta, como comezan a facelo outras administracións educativas.

Comentarios