Opinión

O mercantilismo como ideoloxía

A véspera do San Martiño, a conselleira Ángeles Vázquez, afeáballe á oposición que foran facer política ao Parlamento de Galiza. A parvada non pasaría de anécdota se non fora porque quen o dixo é unha política en activo que fai parte do goberno do país e foi dito no foro político por excelencia, o Parlamento. O órgano no que reside (ou debería) a soberanía do pobo.

Non é casualidade e non é a primeira vez que llo escoitamos a responsábeis e en activo da dereita populista. Nin son parvos nin foi un erro, é ideoloxía. O Pepedegá renega da política, o que eles fan é xestión. Como se un goberno puidera permitirse ser –ou facer– só unha das cousas.

 É certo que o PP galego ten pouco que ver co de alén do telón de grelos. Aquí é máis conservador que liberal e máis pragmático que ideolóxico. Aquí todo é complexo e indeterminado, o feijooísmo é un un híbrido de conservadorismo, rexionalismo oportunista, sucursalismo castelán e neoliberalismo de franquía atrincheirado no seu recuncho periférico. Feijóo é un Don Pelayo de centro comercial, hortera e acomplexado agardando pola oportunidade para asaltar a taifa madrileña. O Pepedegá é un partido hexemónico no sentido máis Gramsciano do termo. O hexemónico é o normal, o culturalmente normal, entendendo a normalidade como un constructo social de interés e de tradición cultural maioritariamente aceptada pola da sociedade, é dicir é o que pensa a maioría influída polo acervo cultural e a tradición. O Pepedegá é a hexemonía. O sentido común, dito en termos Rajoyistas, son eles. O amigo de Marcial repite moito que son o partido que máis se parece a Galiza, e, por desgraza, ten algo de razón. Son a Galiza do autoodio e o complexo de inferioridade, do caciquismo e das elites cortesáns que prefiren ser mordomos de Madrid a ser un pobo. Pensan eles que Galiza é unha reserva india que encher de casinos. No fondo o que agroma é que cada quen perpetúa os seus privilexios como pode e lle deixan, claro. Evidentemente, hai outra Galiza á que non se parecen nada, máis xusta e solidaria, menos simplista e simple, unha con aspiración de país máis aló do rexionalismo mais esa para eles non existe.

Volvendo ao tema. Esa é, tamén, a idea que teñen da democracia. Unha peaxe que hai que pagar para gobernar. É o acto incómodo de ir a un Parlamento a escoitar a quen lle pide contas como quen escoita tronar, mirando pola fiestra, quentiño no lar e matinando no incordio que é non poder saír a xogar ao golf en La Toja.

Se algo é este Pepedegá é versátil, capaz de ser conservador e neoliberal, galeguista e español, popular e elitista, corrupto e digno, solemne e vulgar, filofascista e narcofriendly, defensor do público e privatizador, elitista e chatarreiro, corrupto e corruptor, político e apolítico. Como diría tan ben Berlanga en La escopeta Nacional (1978) por boca de Canivet, o comerciante en busca de trato de favor nunha cacería: «apolítico, de derechas de toda la vida como mi padre». Por certo, cando o do Prestige tamén o ex ministro franquista e o seu, daquela delfín e conselleiro plenipotenciario, estaban de cacería. Porque hai cousas que nunca mudan, tampouco os Canivet reais. A non-política faranos libres! debería poñer na cancela de forxa de San Caetano.

Despolitizar é necesario para o PP. Se o país é gobernado como unha empresa, e así se lle transmite ao pobo que é o único xeito de facelo, xa teñen moito avanzado. Para iso gañaron os neoliberais Thatcherianos e os Chicago boys as batallas polo relato e os marcos ideolóxicos. Porque aínda que legalmente son un partido político, no seu organigrama son unha empresa e como tal funcionan, seguindo un plan de negocio.

Dicía un insigne profesor meu de política, na facultade, que a base do populismo é dicirlle ao pobo o que quere ouvir aínda que saiba que é imposíbel de cumprir. C´est ça! Isto é o que fan continuamente: din unha cousa, fan o que lles convén a eles.  Iso é, evidentemente, unha ideoloxía. Porque esa sistematización da asunción da política como  problema máis que como foro de acordo é o que buscan. Negarlle ao contrario calquera capacidade.

A non-política vese perfectamente nos nosos medios públicos que nin sequera cumpren a Lei 9/2011 (do audiovisual) que o propio PP redactou, pactou (co PSOE) e aprobou.

Esta non-política é o discurso programático da grella da Galega. Información manipulada, ás veces groseiramente e ás veces con man de ourive, e moito entretemento baleirado de calquera tipo de debate ideolóxico (para o pepedegá só é ideoloxía a dos outros, nunca a deles). A Galega só é un medio de propaganda. Xusto o que non debe ser. Entretemento de sainete e vodevil, de serie mala de humor chusqueiro, de dobres sentidos e de cheiro a urbanita-elitista suado logo do running.

A volta argumental que lle dan dende logo ten substancia, despolitizar para ideoloxizar máis. O PP xa é o noso partido-institución, un pai todopoderoso e salvador, un ditador elixido en urna que usa o poder non como instrumento de goberno, senón como estratexia comercial da súa  (cativa) corporación-estado.

Robert Dahl dicía que: o debate público é un aspecto da democratización e refrendaba, na mesma liña, o profesor Sartori: todo o edificio da democracia está apoiado na opinión pública.

No pepedegá non inventaron nada, evidentemente, só tiveron que afondar no xa desenvolvido polo franquismo, despolitizar para dominar, prolongar o caciquismo para sobrevivir, propagar o medo á opinión libre. Este país noso explica por si só a teoría da espiral do silencio de Noelle-Neuman. É o Gran irmán popular, desterrar o debate para que sexa a propia cidadanía a que se vixía a si mesma.

Ou vos non tivestes unha avóa que vos dicía aquilo de «nesta casa non se fala de política».

Comentarios