Opinión

Ollando a Catalunya. Pensando na Galiza

Os resultados das eleccións do pasado domingo en Catalunya non poden entenderse sen ter en conta o amplo movimento social


Os resultados das eleccións do pasado domingo en Catalunya non poden entenderse sen ter en conta o amplo movimento social xerado nos últimos anos ao redor da reivindicación dunha nación libre e responsábel do seu futuro. Un País existe como suxeito político cando se expresa con claridade na defensa dese dereito, e a cidadanía catalá está a facelo dun xeito claro, intelixente, con ilusión e grande civismo. 

Nestes días seguro que haberá regueiros de comentarios, pero dáme a impresión de que o argumento vai xirar exclusivamente na interpretación dos resultados en clave aritmética, cando o que cómpre facer é unha avaliación política. E ista é xustamente que Catalunya avanza un novo chanzo no proceso de autodeterminación; e que a actual articulación do Estado –derivada da Constitución de 1978- supón un corsé para exercer ese dereito. Non queda outra, pois, que superar ese marco, exercer como nación libre e construír o futuro.

Calquera que seguise todo este proceso, pode ollar con moita claridade que nen o proceso de mobilización social, nen tampouco a articulación de candidaturas electorais soberanistas teñen como punto referencial a procura dun cambio de goberno en Madrid; senón xustamente a conciencia de que son as forzas própias as que poden viabilizar o exercicio prático da soberanía nacional. A perspectiva da sociedade catalá non é, pois, o escenario que poida xerar un cambio de goberno no estado; senón claramente o reforzo da acción –a social, a política e tamén a electoral- no propio País no camiño da soberanía real.

"Ninguén que aspira a exercer na prática o dereito a decidir pode referencialo na entrega desa vontade en mans alleas, senón no reforzo das forzas propias"

Non acredito nos mimetismos entre Catalunya e Galiza, porque estamos perante sociedades diferentes e procesos –no político e no electoral- diferentes tamén. Pero hai un elemento común, que parte da aplicación da racionalidade: ninguén que aspira a exercer na prática o dereito a decidir pode referencialo na entrega desa vontade en mans alleas, senón no reforzo das forzas propias. Procurando solucións para o País, desde o propio País.

Na Galiza existe –con características propias, no cuantitativo e tamén no cualitativo- un proceso de autodeterminación en marcha; porque hai unha vontade social de construír movimentos sociais, sindicais e tamén políticos que teñen a defensa do País como razón de ser e que actúan confiando ese proceso na acumulación de forzas propias que lle permitan avanzar. E, humilde e obxectivamente, hai que recoñecer que o comportamento das forzas políticas e mesmo dos diferentes gobernos do Estado estivo condicionado desque o nacionalismo galego, o BNG, acadou representación das Cortes do Estado hai perto de vinte anos. A clave, supoño, será agora vermos colectivamente como somos quen de extender ese movimento, quer no plano social, no político e mesmo no electoral. Mais nunca, entendo eu, deixando esa responsabilidade en mans de outros...

O pasado domingo, ao par das eleccións en Catalunya,  nunha masiva asemblea convocada pola Iniciativa pola Unión en Compostela, avanzábase un novo chanzo na articulación dunha candidatura nacional galega, plural e de unidade. Ollei moita ilusión e compromiso nas persoas, colectivos e organizacións que decidiron xá apostar por ese proceso, no que creo que un dos elementos clave está a ser a xenerosidade. 

Desde esa xenerosidade, entendo a reiteración que se fixo á confluencia con outros movimentos que, supostamente, están a actuar no País con similares obxectivos. Mais cúmpre non confundir xenerosidade con inxenuidade. A intervención do representante do Encontro cidadá por unha Marea Galega foi realmente frustrante, non só pola falta de claridade sobre un posíbel proceso de confluencia, senón tamén pola reiteración dun discurso oco, onde simplemente insistiu na consigna de “candidatura de base popular” e no que as referencias ao carácter galego e nacionalista da mesma simplemente non existiron. ¿Facemos así de Galiza o suxeito político.....?

O acontecido en Catalunya é clarificador do que realmente representan algunhas forzas na chamada “nova cultura política”

En calquera caso, na miña humilde opinión, o acontecido en Catalunya é clarificador do que realmente representan algunhas forzas na chamada “nova cultura política”, non só electoralmente, senón fundamentalmente para interpretar acaídamente a realidade plurinacional do Estado. Seica o Pablo Iglesias dixo, ao fío do acontecido nas eleccións, que a “solución” que ollaba para o “problema catalán” era que fose el o próximo presidente do goberno español. Máis do mesmo….

Así pois, se temos que tirar –con todas as diferencias que existen- conclusións para o caso de Galiza, eu penso que a máis evidente é que hai que confiar nas forzas propias, sempre camiñando, con ambición. Como dicía o Lluis Llach, na súa Viatge a Itaca:

“Máis lonxe, tendes que ir máis lonxe
das árbores caídas que agora nos aprisionan, 
e cando o teñades conseguido
tende moi presente non detervos.
Máis lonxe, ide sempre máis lonxe,
máis lonxe do presente que agora vos encadea, 
e cando vos sintades liberad@s
empredende outravolta novos pasos.
Máis lonxe, sempre moito máis lonxe; 
máis lonxe do mañá que xa está achegándose.
E cando acreditedes que tendes chegado, sabede atopar novas sendas”

 

Comentarios