Opinión

Orgullo

Pasou outro 28 de xuño e, en moitos países, celebráronse, dun xeito ou outro, as xornadas de Stonewall (1969), acoutadas, como é lóxico, por esta pandemia que dura xa demasiado.

É ben importante lembrar o que pasou, porque, malia conquistar a xente LGTBQ+ moitos dereitos coa mobilización permanente, nas que as feministas puxemos os corpos acompañado as súas loitas, hai aínda quen berra contra elxs, e un de cada tres países do mundo prohibe a homosexualidade (72). En 12 deses países o feito de ser homosexual pódese pagar coa propia vida.

Nos momentos históricos de retroceso da humanidade como cando a Santa Inquisición tiña o poder de facer valer a súa forza retrógrada, ou durante o nazismo (fascismo e franquismo), os dereitos das persoas LGTBIQ+ foron anulados. E se lle negou a unha importante franxa da poboación do planeta o que a lóxica xamais cuestionaría. Os gregos e os romanos parecían ter o tema bastante máis claro.

Os sucesos de Stonewall puxeron en evidencia que a comunidade LGBT loitou contra un sistema que perseguía aos homosexuais co beneplácito do goberno. Algo do que calquera democracia debería avergoñarse. Alguén acusadx de ter sexo con outrx adultx, de maneira consensuada, podería pasar anos ou mesmo toda a súa vida en prisión.

Nos anos 50 e 60 a moda era a curación da homosexualidade: castración, terapia emética, hipnose, electroshock e lobectomías se usaban sen respecto ningún polas persoas.

Avanzouse, mais, coma nas loitas das mulleres, aínda falta. Por iso doe a incomprensión dalgunhas feministas cando as persoas trans acadan dereitos. Fai falla un bo debate.

Comentarios