Opinión

Noxo

 Moitas e moitos, eu mesma, xulgamos esta desgraza colectiva con condescendencia. Fartas e fartos estamos de amenazas que non son o suficientemente fortes como para inflixirnos un medo real e palpábel. Unha pandemia de cualidade global, coma esta. Mais o sentido común está a petar nas nosas conciencias para lembrarnos que esta non é coma todas. Non é coma o dengue ou o Mal de Chagas, que custan milleiros de vidas na América do Sur dende tempos inmemoriaís, e que non importan demasiado a ninguén. Enfermidades de pobres, producto da máis miserábel miseria, que non teñen pasaporte nin salvoconduto para chegar á Europa das posibilidades. Enfermidades que poderían deixar para sempre de existir, simplemente con menos miseria. Non importan a ninguén. Como tampouco importan a ninguén as pestes que estragan as vidas dos africanos e africanas. Non circulan. Fan alí o dano que a ninguén lle pesa demasiado nas conciencias. Ou acaso renunciaríamos aos nosos aparellos de última xeración se soubésemos cantas vidas custa o coltán? Quédanos lonxe. Como a China, onde principiou esta peste. Mais agora está diante da nosa porta. Italia é Europa e Madrid, o foco do Estado, tamén. Está e é perigosa. Non só mata, tamén pon en evidencia os austericidios recentes. A infamia dos recortes na sanidade pública. A situación das residencias de maiores. A debilidade dun sistema que vulneraliza ás maiorías. E algúns criminais aínda lle votan a culpa ao 8M. Os que cortaron e recortaron. Non virán por nosoutras. Xa sabemos quen son e o lles importamos. Só poden dar noxo.

Comentarios