sábado 29.02.2020

Fartas

Outro asasinato machista en Lugo, o segundo no que vai de ano na provincia e unha vida máis das dez que leva por diante este 2020 que acaba de comezar, como quen di.

Enfrontámonos a unha lóxica absurda e criminal e a unhas institucións cando menos inoperantes que non son quen de poñer freo ao que xa é, diga o que diga a ultra-ultradereita, unha guerra declarada contra a metade da poboación do planeta.

A piques de chegar outro 8 de marzo, que traerá unha choiva de reivindicacións no mundo enteiro, estamos case igual que sempre, sumando asasinadas cada dous ou  tres días no Estado e cifras arrepiantes noutras partes do mundo, onde, en moitos países, nin sequera se leva a conta desta peste de fabricación patriarcal.

Algúns datos: en Arxentina rexístrase un feminicidio cada 35 horas; en México, onde as fiscalías investigan só un de cada cinco feminicidios, son asasinadas 10 mulleres ao día; en Brasil é asasinada unha muller cada 6 horas; en Colombia morre por violencia machista unha muller cada 48 horas; as cifras de Centro América son demoledoras, sendo Honduras quen lidera este ránking de crimes na rexión cunha asasinada cada 17 horas.

Todo o que os ultranecixs non ven e ningún Estado é quen de eliminar. Ningunha enfermidade fabricada en laboratorios bacteriolóxicos pode igualar esta pandemia. Contra todo iso: conciencia, conciencia, conciencia e educación, educación, educación. Redobremos a loita. Nin medio paso atrás, nin media concesión, nin un berro menos forte. Porque dicir que estamos fartas non é dicir ren. Amosemos nas rúas, con rotundidade, o fartas que estamos.

Fartas
comentarios