Opinión

Anticapitalista

O feminismo que moitas queremos fala de inclusión. De inclusión total, de termos unha ollada completa, solidaria, xenerosa e sorora. Unha ollada política que abranga todas as visións do feminino, todas as maneiras de sermos mulleres agochadas durante tanto tempo.

O feminismo que queremos moitas non ten unha mesquiña ollada neoliberal nin discute superficialidades, deixa que bandadas de mulleres con múltiples formas, cores e acentos o enriqueza. Non se sente ameazado porque as mulleres trans reclamen o seu sitio nun movemento que naceu para mudar o mundo. Un feminismo que, en igualdade de condicións e sen condescendencia colonial ceda o paso ás problemáticas das mulleres racializadas, das migrantas, das refuxiadas, das queer, das trans, das prostituídas (e non digo putas porque ningunha muller naceu para puta), das negras, das indias, das xitanas, de todas.

O feminismo que moitas queremos ten que prestar atención máxima á Terra que habitamos e actuar de xeito ecolóxico; manifestarse fronte as prácticas depredadoras das corporacións multinacionais; defender a auga, as especies, as riquezas saqueadas do planeta.

O feminismo que moitas queremos ten que utilizar o poder individual e social dos movementos que o compoñen para rexeitar calquera práctica capitalista ou patriarcal que prexudique ás mulleres (e aos homes) de calquera recanto do mundo. Non só ollar para os teitos de cristal ou os chans pegañentos e que as mulleres burguesas escalen posicións. O feminismo que moitas queremos ten que ser transversal, interseccional, ecoloxista e polo tanto e sobre todo: anticapitalista.

Comentarios