Opinión

Do voto segredo

Tan ocupados que estamos co da participación da cidadanía nos asuntos da “res publica”,  - que se primarias e secundarias, que se votos virtuais e votos cibernéticos -, que esquecemos algo tan fundamental como é o do voto segredo como garante da verdadeira liberdade democrática.

Tan ocupados que estamos co da participación da cidadanía nos asuntos da “res publica”,  - que se primarias e secundarias, que se votos virtuais e votos cibernéticos -, que esquecemos algo tan fundamental como é o do voto segredo como garante da verdadeira liberdade democrática. Unha reivindicación dos cartistas británicos que semella algo superado de tanto tempo que xa pasou dende aquel 1838 no que se formulou a necesidade de garantir o segredo nos procesos electorais. Calquera que teña participado nun proceso electoral neste democrático estado español, recoñecerá que iso do voto segredo é un dicir. 

"Os avezados interventores ben saben diferenciar dos matices da brancura duns envelopes, neste caso en nada inmaculados, que reflicten lealdades e felonías".

Ese inocente reparto de papeletas para facilitar ao elector o democrático exercicio do dereito ao voto, ... “Deixa a papeleta, que o sobre xa poño o que me trouxo o alcalde, ...” E quen di o alcalde, podería dicir o xenro, a sogra, o marido, a tía, o patrón, ... Os avezados interventores ben saben diferenciar dos matices da brancura duns envelopes, neste caso en nada inmaculados, que reflicten lealdades e felonías.

Un amigo portugués ficou abraiado ao coñecer do noso democrático costume de repartir papeletas nos días de campaña electoral. Segundo el, alí as papeletas só están na mesa electoral. Podería ser unha proposta para unha hipotética e futura reforma da lei electoral. En vez de, coa desculpa do aforro para o erario público, formular a diminución de parlamentarios e demais cargos de representación cidadá, valorar a importancia dun lixeiro aforro na impresión de papeletas para reparto en rúas, envíos postais, etc.  Por suposto que máis humilde no plano económico, mais puider que máis efectivo na construción dunha democracia máis certa. 

"O noso sistema electoral precisa duns axustes rudimentarios, máis propios do XIX que do XXI" 

Recoñezo que é unha proposta desfasada para este mundo cibernético. Mais recoñézanme que o noso sistema electoral precisa duns axustes rudimentarios, máis propios do XIX que do XXI como corresponde ao desfase existencial en auténtica vivencia democrática deste estado que nos toca sufrir. Ora ben, antes de escribir co computador conviña aprender a escribir co lapis sobre o papel. E, quizais, antes de que comece votar, debemos educar á cidadanía do futuro no que implica iso que se di na mesa electoral cando introducimos a papeleta e o presidente di: “vota”. 

Comentarios