Opinión

Do significado das palabras

O uso das palabras para designar un lugar, unha persoa ou un territorio non é cousa instranscendente. Segundo a palabra empregada damos unha ou outra intencionalidade e, consecuentemente, fica claro o noso posicionamento respecto do obxecto ao que nos referimos.

O uso das palabras para designar un lugar, unha persoa ou un territorio non é cousa instranscendente. Segundo a palabra empregada damos unha ou outra intencionalidade e, consecuentemente, fica claro o noso posicionamento respecto do obxecto ao que nos referimos. Hai, pois, unha certa intencionalidade ideolóxica. Por exemplo, para me referir a Galiza non é o mesmo que o faga como rexión, país, nación, ... 

Ven isto a conto pois ao longo desta semana, en diferentes medios de comunicación, membros do Partido Popular, ambas mulleres e ambas coa mesma ex responsabilidade nos diferentes gobernos Feijoo, unha agora en Madrid con Montoro e a outra preparándose para conquistar Vigo, referíronse a Galiza como Comunidade Autónoma.

"Ao final o “café para todos” conseguiu evitar que a nivel xeral, no que respecta a Galiza,  o que os defensores da “España una e indivisíbel” temían. Que o que eles denominan, e demonizan, cuestión nacionalista fique limitada a Catalunya e Euzkadi". 

A min esa denominación prodúceme un certo sen sabor , pois teño a sensación que limita a nosa Terra a un simple ente administrativo, en nada diferente a outros dos que existen no estado español, en nada Federal a pesares do que recalcitrantes neocentralistas insinúan. E nin sequera é respectuosa para co rango que a Constitución outorga a Galiza: o de nacionalidade histórica. 

De tanto falar de Comunidades Autónomas nos libros de texto, nos medios de comunicación, nos diversos parladorios de tertulianios televisivos e radiofónicos. Ao final o “café para todos” conseguiu evitar que a nivel xeral, no que respecta a Galiza,  o que os defensores da “España una e indivisíbel” temían. Que o que eles denominan, e demonizan, cuestión nacionalista fique limitada a Catalunya e Euzkadi. 

Este é o esforzo que nos tempos que se aveciñan debemos facer aqueles que consideramos Galiza como algo máis que unha nacionalidade histórica. É non por unha simple cuestión de nomenclatura. Segundo o que nos consideremos a nós mesmos, así decidiremos sobre o noso futuro.

Comentarios