Opinión

De cultura, minifundios e as nosas leiras

Dende hai tempo, de forma reiterada até o punto que xa cansa, escoitamos críticas ao excesivo número de asociacións, fundacións, ... que existen no mundo da cultura na Galiza. E supoño que aqueles que manteñen esa teoría tamén dirán que empresas, artistas, creadores, poetas, novelistas, ...

Dende hai tempo, de forma reiterada até o punto que xa cansa, escoitamos críticas ao excesivo número de asociacións, fundacións, ... que existen no mundo da cultura na Galiza. E supoño que aqueles que manteñen esa teoría tamén dirán que empresas, artistas, creadores, poetas, novelistas, ...

"De forma reiterada até o punto que xa cansa, escoitamos críticas ao excesivo número de asociacións, fundacións, ... que existen no mundo da cultura na Galiza". 

E para reafirmar aínda máis a súa argumentación recórrese á comparativa do minifundio como símbolo da pobreza da Galiza aquela na que aínda os labregos eran maioría. E, fachendosos, propoñen realizar unha especie de concentración parcelaria. Novamente un símil do que se supón foi un punto de modernización do sector I galego. Non sei. Mais do pouco que coñezo da concentración, penso que non foi a panacea redentora dos males da nosa agricultura. Atrasada, como todo o país na altura. Falando disto cun dos máis teimudos defensores da concentración cultural que coñezo, comenteille que onde el falaba de concentración eu entendía absorción, cando non aniquilación dos supostos máis pequenos, vamos o do peixe grande ... E agora que reparo, unha vez máis a crenza de o grande é máis eficaz e válido que o pequeno. Que obsesión co dos tamaños!.

Tanto falar de minifundio cultural, reflicte un enorme desprezo polas nosas antigas formas de organización. E até chegamos a nos autoinculpar do noso atraso económico. E doutros atrasos tamén; como a falla de querencia pola soberanía propia, ou a falla de aprecio de sermos nós. Vamos de querernos e gustarnos aínda que sexa un chisco. Ao mellor o problema non reside no minifundio, e si nunha lexislación española que non soubo, ou non quixo,  lexislar para nós. Lembremos que cando había minifundio, existían as axudas.

"Onde moitos ven un problema en tanta asociación, eu vexo unha gran fonte de riqueza".

Volvendo á cultura. Onde moitos ven un problema en tanta asociación, eu vexo unha gran fonte de riqueza. As sociedades modernas, e a boa fe que o somos, caracterízanse por ser abertas, plurais, diversas, complementarias. Non se limitan ao branco ou negro, senón que percorren todos os matices de grises. Realmente creo que unha lousa, inmensa, que deixou o franquismo é a obsesión pola concentración parcelaria. Nos eidos da cultura tamén. Coidemos das nosas leiras, que sexan a envexa dos nosos veciños. Mais lembremos as axudas. Que no mundo da cultura existen e que permiten que moitos pequenos constrúan día a día unha Galiza rica e plural, diversa nas súas manifestacións e formas de expresarse. Abondan exemplos.

Comentarios