Opinión

Un acto, tres leccións

Grazas ao convite dese gran fotógrafo que é Xurxo Lobato, tiven a sorte de asistir ao acto de presentación do Día das Artes Galegas, instituído pola Real Academia de Belas Artes e a conmemorar o 1 de abril de cada ano.

Grazas ao convite dese gran fotógrafo que é Xurxo Lobato, tiven a sorte de asistir ao acto de presentación do Día das Artes Galegas, instituído pola Real Academia de Belas Artes e a conmemorar o 1 de abril de cada ano. Data escollida por ser a que figura no Pórtico da Gloria do universal mestre Máteo; a quen, se a memoria non me falla, don Carlos del Valle definiu como erasmus da súa época. Vaia, nihil novum sub sole, diría un clásico.

"Unha sociedade como a galega precisa de actos de dignificación e valorización do que somos, especialmente cando son impulsados dende institucións civís"

Alén doutras consideracións, e recoñecendo o carácter ritual inherente a estes actos (dubido poida ser doutro xeito), creo que unha sociedade como a galega precisa de actos de dignificación e valorización do que somos, especialmente cando son impulsados dende institucións civís, caso da Academia de Belas Artes.

Ao longo do solemne acto, reparei nas seguintes tres intervencións.

1.- O arcebispo da sé compostelá, don Julián Barro, referiuse a Máteo como símbolo de identidade. Certo que monseñor abordouno fundamentalmente dende a perspectiva cristiá. Mais, supoño, que monseñor non terá reparo en que tamén reivindiquemos a obra de Máteo como símbolo de identidade dunha Galiza que xamais tivo reparos en ollar para Europa. E iso que dende que na Europa predomina o mercado e non o espírito, as cousas non pintan ben para a cidadanía que habita neste recuncho do finisterre da Europa Occidental.

"Deixaron un país co seu idioma, coa súa cultura, co seu particular modo de dialogar coa Terra base dunha economía que loita por sobrevivir" 

2.- Don Agustín Hernández, referiuse ás artes plásticas como a outra linguaxe da Galiza. E como o alcalde compostelán fixo o seu discurso en galego, fagamos un siloxismo simples; pode que algo maniqueo, recoñezo: “Se eu falo galego, e as artes plásticas son a outra lingua da Galiza. O idioma galego será a outra fala da Galiza”. Se entre todos fosemos quen de aplicalo no día a día!. 

3.- Finalmente, don Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta, evocando a ese gran facho da cultura europea e universal que é Goethe dixo: “Faite digno de posuír o que herdaches do teu país”. 

E que gran herdanza deixaron para nós os devanceiros!. Dende os máis ilustres aos máis humildes.

Deixaron un país co seu idioma, coa súa cultura, co seu particular modo de dialogar coa Terra base dunha economía que loita por sobrevivir nun contexto no que fai falla moito amor e moita xenerosidade polo país.
Permitan que remate con Goethe: “Non basta con saber, tamén hai que aplicar. Non basta con querer, tamén hai que actuar”.

Comentarios