Opinión

A Galiza Mártir no ronsel do porvir

En decembro de 1941, a Irmandade Galega de Buenos Aires, presidida por Antón Alonso Ríos, instituiu a data do 17 de agosto como Día dos Mártires Galegos, simbolizando na figura de Alexandre Bóveda a todos os homes e mulleres que foron asasinados por facer ondear as bandeiras da liberdade, da xustiza e do progreso da súa Terra.

Unha vez, en Galicia,
a paixón chamouse coma ti,
e a luz chamouse coma ti
e o vento tamén se chamou coma ti.

Entón houbo paixón
no peito das xentes sinxelas,
e houbo luz nas noites tebregosas,
e houbo vento a ondear
as bandeiras da liberdade

Do poema “Envío para Alexandre Bóveda dende 1979”
Fiz Vergara Vilariño

En decembro de 1941, a Irmandade Galega de Buenos Aires, presidida por Antón Alonso Ríos, instituiu a data do 17 de agosto como Día dos Mártires Galegos, simbolizando na figura de Alexandre Bóveda a todos os homes e mulleres que foron asasinados por facer ondear as bandeiras da liberdade, da xustiza e do progreso da súa Terra.

"Temos a obriga de escribir a Historia con letra verdadeira, para que os seus nomes refulxan en todos os recantos do país". 

Lembraban os exiliados galegos a Alexandre e a todas as vítimas daquel tempo de terror, de pistolas nocturnas, de sangue nas cunetas, de cacería humana. Xentes de toda clase e condición, maiormente a Galiza humilde, a Galiza proletaria masacrada nos cemiterios, nas estradas, nas praias e nas rías.

Como fixeron os exiliados, hoxe nós queremos lembrar o exemplo vizoso da Galiza Mártir, da que sofreu a derrota do xenocidio, do terror, do cárcere, do exilio, e a posterior condena do esquecemento. Temos a obriga de escribir a Historia con letra verdadeira, para que os seus nomes refulxan en todos os recantos do país. 

E o libro da memoria vizosa non poderá ser escrito sen os nomes e as vidas das mulleres asasinadas, martirizadas, marcadas coma animais e expostas na praza para escarnio e vergoña, encerradas na inmensa prisión do franquismo.

Nunha escolma necesariamente breve, traio aquí o nome de Carmen Pesqueira, A Capirota, lavandeira de 29 anos, de Marín, que foi secuestrada, aldraxada e asasinada no Pozo da Revolta, en Mogor, o 11 de agosto de 1936. Conta a memoria oral que Carmen tivera a coraxe de increpar ao matarife Bruno Schweiger mentres mallaba nun home que non fixera o saúdo fascista. O corpo de Carmen foi traslado nunha camioneta a Bueu e exposto publicamente para escarnio e terror.

O nome de María Vázquez, mestra de Miño, de 41 anos, detida na Coruña a comezos de agosto e trasladada ao cárcere de Pontedeume. Conducida o 19 de agosto ata Miño por un grupo de falanxistas e gardas civís, que a asasinaron na praia de Bañobre.

O nome de Rosario Hernández, A Calesa, vendedora de xornais de 19 anos, de Vigo, detida, torturada, violada e salvaxemente mutilada por un grupo de falanxistas que fondearon o seu corpo atado a unha prancha de ferro, perto das Cíes. 

Os nomes de Consuelo Acuña, de 60 anos, e Elvira Lodeiro, de 28, condenadas a morte e fusiladas na Avda de Buenos Aires, en Pontevedra, en decembro de 1936.

"Están en nós, porque existen lugares coma este, por actos coma o de hoxe. Por todo o inxente labor de décadas de colectivos e persoas que a partir de xullo do 36 comezaron a erguer o memorial da dignidade da Galiza Mártir".

O nome en fin de Lola Cerqueiro, de Vilaboa, rapada, secuestrada de noite e paseada espida e violada por ser filla dun dirixente obreiro que estaba agachado. Lola nunca superou o trauma, pechouse na casa, incomunicada, derrotada, sometida polo medo e a vergoña.

Quixeron facelas desaparecer do mundo e da historia, mais hoxe están con nós e con nós fican para sempre.

Coma o ronsel interminábel de vítimas –moitas delas sen nome, sen tumba, sepultadas no silencio da Historia- que estarán sempre en nós. Que están en nós, porque existen lugares coma este, por actos coma o de hoxe. Por todo o inxente labor de décadas de colectivos e persoas que a partir de xullo do 36 comezaron a erguer o memorial da dignidade da Galiza Mártir.

E porque existen lugares da memoria –que lembran as vítimas e denuncian os crimes impunes. Lugares coma a Cruz da Maceira, entre Marín e Moaña, profanado fai uns días –é a segunda vez- con un aguilucho negro e unha bandeira rojigualda. Un atentado que é posíbel porque o fascismo está aí, en mentes degradadas, alentado pola ultradereita mediática e política, pola permisividade dun goberno cómplice e unha lexislación que mantén na impunidade os asasinos e a súa ruín descendencia. 

Nestes tempos en que está de moda o inmediato, o efémero, o light, o fácil, o breve, o tuit, o clic, semella un esforzo baldeiro mirás atrás, saber de que mundo silenciado vimos.

Mais os homes e mulleres que estamos hoxe aquí, as organizacións e colectivos que estamos aquí presentes, sabemos da importancia de exercer a memoria, de coñecer o pasado, de instaurar a verdade, de reclamar xustiza, de impugnar a amnesia da transición, de condenar a barbarie e pedir reparación para as vítimas e as súas familias. É unha causa da maior trascendencia, aínda que vaia en contra do signo dos tempos, aínda que non sexa cómoda nin rendíbel.

Hoxe é un día de memoria e de orgullo. O orgullo de facer brillar a luz de Alexandre Bóveda e partillar cada unha das súas loitas, cada unha das súas arelas, de celebrar a súa entrega absoluta, a avinza de lealdade e compromiso inquebrantábel que non deixou. Todo o que comezou a construir e que non acadou a ver en vida, porque era semente para o porvir.

"Estamos a vivir un momento histórico crucial, un tempo de emerxencia nacional e social que precisa de coraxe e claridade de ideas para facerlle fronte, a mesma coraxe e claridade coa que actuou Alexandre Bóveda".

O recoñecemento político de Galiza como nación, a grande batalla do Estatuto do 36, truncada polo fascismo.A organización do nacionalismo nun proxecto político que rexurdiu das cinzas e que volveu facer ondear as bandeiras da defensa da Terra, da liberación nacional, da xustiza e a solidariedade. Un nacionalismo situado na esquerda, multiplicado nas loitas agrarias, obreiras, de defensa da lingua e da cultura, nas mobilización a prol do territorio fronte a toda clase de agresións. 

Un nacionalismo con clara vocación internacionalista, comprometido con todas as causas da xustiza e da liberdade, solidario con todos os pobos do mundo que son negados e oprimidos. E se hai unha terra mártir hoxe no mundo o seu nome é Palestina, é Gaza convertida nunha xigantesca cadea, arrasada por un Estado criminal co visto e prace do Pentágono e da Casa Blanca do Yes, we can, mentres a Unión Europea mira vergoñosamente para outro lado, ou mellor dito mira para a balanza comercial e os beneficios das armas vendidas a Israel, as armas que masacran o pobo palestino.

Tamén na nosa Terra hai un pobo mártir, unha Galiza Mártir, obxecto dunha ofensiva brutal dos grandes poderes económicos, unha ofensiva que se manifesta con unha violencia extrema contra o noso país e contra as clases populares. E deixémolo claro, contra as clases populares, auténticas vítimas do expolio material e de dereitos, non ese novo fetiche da evanescencia triunfante, a “cidadanía”. Que demo é a cidadanía senón unha trampa verbal que iguala, que confunde, que somete e que asoballa.

Non vemos por ningún lado a necesidade de renunciar a determinadas palabras, por máis que parezan gastadas ou pasadas de moda: nación, clase, xénero seguen sendo hoxe ferramentas imprescindibeis para actuar na realidade e para transformala en beneficio da maioría.

A dereita gobernante en España e en Galiza, herdeira ideolóxica e biolóxica do franquismo, está a desenvolver un completo arsenal lexislativo –camuflando na trampa burda das reformas- que pretende derrubar conquistas históricas da clase traballadora como a negociación colectiva ou o dereito á folga. 

"O nacionalismo galego, fundamentado nos rexos alicerces dun século de historia, é un proxecto histórico, un proxecto con pasado e con porvir, mais alá das continxencias deste tempo de mudanzas e de vaivéns".

A mesma dereita que se nega a condenar o franquismo, que consinte –por acción ou omisión- vergoñentos ataques á dignidade das vítimas como o da Cruz da Maceira, utiliza a fiscalía e a policía para perseguir e condenar a sindicalistas que defenden os intereses dos traballadores.

É a mesma dereita reaccionaria e ultracatólica que pretende aniquilar logros históricos das mulleres como o dereito a decidiren sobre o seu propio corpo, o dereito ao aborto.

Compañeiras e compañeiros, estamos a vivir un momento histórico crucial, un tempo de emerxencia nacional e social que precisa de coraxe e claridade de ideas para facerlle fronte, a mesma coraxe e claridade coa que actuou Alexandre Bóveda.

Porque son tamén tempos de confusión, no que abrollan respostas fáciles para realidades complexas, tempos de ilusións coma a de exercer a militancia política a golpe de clic e de tuit. Lembrade en que acabaron as chamadas “revolucións da primavera árabe” –Túnez, Libia, Exipto...- forxadas co suposto poder liberador e democratizador da internet.

Sabemos da forza ilusionista dalgunhas palabras baleiras e da profunda decepción á que levan, até convertirse en campo de cultivo para a antipolítica, terreo abonado para os populismos redentores e para o fascismo.

Tampouco valen os atallos dos que renegan da propia historia, dos que procuran o camiño fácil dunha marca nova, unha onda á que subir para ser arrastrados pola corrente e polo ventos favorábeis.

O nacionalismo galego, fundamentado nos rexos alicerces dun século de historia, é un proxecto histórico, un proxecto con pasado e con porvir, mais alá das continxencias deste tempo de mudanzas e de vaivéns.

É un programa de liberación nacional de Galiza que debe ter continuidade e futuro, con identidade e perfil propio, coas actualizacións que sexan precisas, neste século en que o mapa político de Europa vai cambiar coa emerxencia de novos actores e novos Estados.

O nacionalismo galego é un proceso de transformación, de construción dunha sociedade baseada na equidade e na xustiza, o que quer dicer que debe estar ao servizo da maioría social e das clases populares e en contra dos privilexios dunha minoría. 

É un proxecto nidiamente laico e republicano, que pula por construir a República Galega, a patria soberana que alumearon xuntos, aquí en Pontevedra, Castelao e Bóveda.

A memoria de Alexandre Bóveda, a súa vida exemplar e a súa morte inxusta, merecen que esa luz da nación soberana, solidaria e xusta, siga brillando ata o fin dos tempos, polo ben de Galiza.

E vai brillar, porque nós queremos.

Viva Alexandre Bóveda
Viva o exemplo e a memoria da Galiza Mártir
Viva Galiza Ceibe

-DISCURSO DO DÍA DA GALIZA MÁRTIR 2014 NA PRAZA DE CURROS ENRÍQUEZ DE PONTEVEDRA

Comentarios