domingo 25/10/20

Muller e interrupción do embarazo: un transo en soidade

Hai pouco lin a intensa novela do escritor sueco Henning Mankell, Daisy Sisters, na que amosa a vida de diferentes mulleres traballadoras na Suecia da segunda metade do S XX; mulleres que toman as súas decisións condicionadas polo poder que exercen sobre elas os homes, e así mesmo polo que lles supón quedar embarazadas e ter un bebé. Elas, pertencentes a tres xeracións da mesma familia, enfrontaranse de xeito distinto ao mesmo problema: unha crianza non desexada, sendo novas e solteiras. A soidade foi a súa principal compañeira nese transo, como tamén o foi para moitas mulleres galegas e do resto do Estado antes de ser aprobada, tras teimuda loita feminista, a Lei Orgánica 9/1985 que reformaba o artigo 417 bis do Código Penal, polo que o aborto deixaba de ser un delito (con penas de cárcere de ata 14 anos para o persoal médico e 8 para as mulleres) tan só en tres supostos, pero que unha parte da clase médica soubo xestionar con flexibilidade. Non obstante, aínda houbo que agardar para que, na práctica, fose despenalizado o aborto coa aprobación da Lei Orgánica 2/2010 de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.

Na actualidade, as mulleres non temos que xustificar a decisión de abortar pero si acudir aos Centros de Organización Familiar, onde se facilita información sobre a lexislación, o procedemento e, sobre todo, onde as mulleres podemos verbalizar e partillar con algunha persoa especializada os nosos temores e inquedanzas cando non temos con quen facelo. Iso acontecía coas mulleres da miña xeración, entre os anos 1970 e 1980, decote á procura dun lugar clandestino onde abortar ou facendo recollida solidaria de cartos, unhas 30.000 pts, para poder acudir ás agachadas a algunha das “clínicas” que existían en Porto, Lisboa ou Londres.

Na actualidade, as mulleres non temos que xustificar a decisión de abortar pero si acudir aos Centros de Organización Familiar

Desde a aprobación da devandita Lei Orgánica e a legalización da píldora do “día despois” en 2009, o número de abortos foi en diminución. Segundo datos do Sergas en Galicia realízanse algo máis de 3.000 interrupcións voluntarias de embarazo ao ano, cando na década anterior superaban as 4.000; en España, o Ministerio de Sanidade informa duns 96.000 casos, fronte aos 118.000 do ano 2011. Estas intervencións seguen a ser realizadas, na súa case totalidade (o 90%), en centros privados e non dentro da sanidade pública. O motivo? Entre outros, a obxección de conciencia do persoal médico e o de ser unha actividade sen prestixio nas carreiras profesionais. Ademais, hai unha grave desigualdade territorial (en 8 provincias non se realizaron abortos en 30 anos) que obriga a moitas mulleres a se desprazar de xeito innecesario. Segundo a opinión dalgúns profesionais, habería que fomentar o aborto con medicamentos, algo frecuente en países como Portugal, Francia, Escocia ou Finlandia, co cal até as 9 semanas as mulleres poderían interromper o embarazo estando no entorno familiar ou con persoas achegadas, facilitando así a superación dun episodio doloroso e triste.

É certo que están a desaparecer as situacións traumáticas que, noutrora e diante dun aborto, vivimos as mulleres quer polo rexeitamento social e familiar, polas consecuencias legais, polo medo e, nalgún caso, polas crenzas relixiosas. Mais agora, padecemos pola frustración de ter que tomar unha decisión decote motivada pola precaria situación económica na que se atopan moitas mulleres, primeiro motivo declarado entre as que abortan, seguido do temor a perder o traballo, das dificultades para continuar os estudos ou unha situación inestable na parella.

Mais agora, padecemos pola frustración de ter que tomar unha decisión decote motivada pola precaria situación económica na que se atopan moitas mulleres

A capacidade para decidir libremente sobre a nosa descendencia é unha conquista recente, mais tamén compre tomar conciencia das eivas da referida Lei 2/2010; por exemplo, contempla someternos a un período de “reflexión” de tres días, logo de recibir un “manual informativo” elaborado por cada Comunidade Autónoma. Esta obriga alenta outra volta desigualdades territoriais, agravios comparativos con outras intervencións que non precisan de días de reflexión e cuestiona a capacidade ética da muller para decidir en todo momento sobre o seu corpo.

U-la autonomía das mulleres?

Muller e interrupción do embarazo: un transo en soidade
comentarios