Opinión

Xa o sabiamos

Cando no minuto 98, logo da expulsión (desta vez, ben merecida) de Renato Tapia e dun gol que destruía aparentemente calquera posibilidade de lograr a primeira vitoria en Balaídos, ocorre o milagre: penalti a favor do Celta. Non o podíamos crer. E dígoo literalmente, era incrible que tal como levamos a tempada (tres goles anulados e unha expulsión totalmente inventada, entre outras lindezas) puidesen pitar un penalti a favor noso, e moito menos sendo decisivo para a vitoria celeste ao límite de acabar o partido. Pensamos que ao mellor as conversas co Comité Técnico Arbitral, nas que eles mesmos admiten que houbo erros flagrantes, serviran para algo. Que ao mellor era a fin deste bullying arbitral que, independentemente do bo ou mal rendemento do equipo, tennos relegados ás prazas de descenso co peor inicio de tempada da historia en todos os sentidos. Pode ser que non sexamos un equipo que opta á liga ou sequera que pretende entrar en postos UEFA (a xestión do clube xa a deixamos para outro artigo), pero dende logo se che machacan arbitralmente con decisións non só a favor do rival se non ás veces totalmente incomprensibles para calquera persoa con dous ollos na cara e o regulamento da Liga na man, é normal que os xogadores non rendan nin ao 100% nin ao 50 nin ao 20. A moral do equipo está totalmente esnaquizada e teñen toda a razón do mundo, xa non son só os afeccionados ou a directiva, é un segredo a voces o tratamento arbitral que está tendo o Celta nesta tempada. Para mostra, a sección de comentarios de calquera xornal deportivo nas crónicas dos partidos celestes: cando antes apenas había 20 ou 30 comentarios salvo excepcións dependendo do rival, agora mesmo cóntanse por centos os afeccionados de calquera cor que denuncian a fraude arbitral. Tamén porque saben que lle pode tocar en calquera momento ao seu equipo. Ollo, isto non se aplica a todos os equipos pero si á maioría (non fai falla que cite cales son os equipos que se benefician, só hai que mirar a táboa tanto desta tempada como das anteriores). Cando saltamos ao campo, xa sabemos de toda a vida que xogamos contra 12, e agora contra 15 sumando os 3 da sala VAR. Pero isto, como ben se escoitou ao final deste último partido, xa é un escándalo.

Minuto 98. Penalti claro a favor do Celta. Chama o VAR, incumprindo a propia normativa e criterio da Liga xa que prima a interpretación do árbitro e a acción incluso mereceu tarxeta amarela. E, en canto pasou isto, todos os que estabamos no estadio xa sabíamos que se ía anular. Isto é o realmente grave. Que todo o mundo o sabía. Agardo que algún día esta Liga española podre poida sorprendernos para ben, pero moito me temo que non vai pasar. A moeda sempre cae do mesmo lado. E os afeccionados témolo máis que aceptado, porque é moi evidente e previsible. Vai seguir sendo así e, polo que se ve, cada vez de forma máis descarada. Quen teña dúbidas que revise os partidos contra o Madrid ou contra o Xirona. Ou que vexa o próximo partido, onde se existe calquera tipo de dúbida entre beneficiar ou danar ao Celta non vai facer falla ser adiviño. E se é necesario inventar algo, está demostrado que non hai ningún problema nin pasa nada. De feito, todo o contrario, a eses individuos (a palabra “colexiado” quédalles grande) que arbitran desta forma déspota e velenosa, premiáselles con partidos e imaxino que con algo máis. Coma Benítez, non podo dicir claramente todo o que penso, outra vantaxe que ten esta Liga corrupta. E se non é así, que nos demostren o contrario. Aínda queda moita Liga para que se empece a arbitrar de forma imparcial. Pero todos sabemos xa que non vai pasar e que probablemente o equipo baixe se así o desexan os poderes que controlan esta competición, xa adulterada de sempre pero que este ano sobrepasou todos os límites da decencia. E estamos na xornada 11: prepárense, que isto non fixo máis que empezar.

Cal é o seguinte paso? Non sei, pero logo de “Escándalo” de Raphael, pode ser que soe “Menos mal que nos queda Portugal”. Tampouco ninguén se sorprendería, visto o visto. E de momento, unha de cemento.

Comentarios