Opinión

Prestigevirus

Novembro de 2002, un barco petroleiro de nome Prestige foi paseado polas nosas costas mentres ía esparexendo mostras do produto que carrexaba, coma se fose preciso un retorno polo camiño iniciado, ao máis puro estilo Hansel e Grettel ou Pulgarciño, segundo as distintas versións. Eran os famosos “hilitos de plastilina” que pouco podían danar como ben sabemos.

Nun despacho (ou varios), a uns cantos quilómetros mar a dentro, deseñaron a ruta a seguir por este buque. As consecuencias son coñecidas de sobra. Repito, ano 2002.

Ano 2020 (os mesmos díxitos en distinta progresión), inicios do que en tempos non moi posteriores xa foi definido como unha pandemia, e a pesar dos precedentes noutros países aparecen síntomas graves de contaminación polo famoso Coronavirus. Quizais distintos despachos, quizais distintos axentes actuantes (falo de vectores, non de persoas), a mesma actuación. En vez de pechar o foco, darlles a correspondente cobertura sanitaria interna e externa, coas debidas condicións, deciden que a unidade de actuación como ente está por enriba da lóxica e ao máis puro estilo Prestige e dedicámonos a pasear con elegancia o virus por todos os territorios baixo a conivencia de todas e cada unha das administracións implicadas nas decisións. Os resultados tamén son “hilitos de plastilina”, como tamén sabemos.

Evidentemente, falar cando xa pasou o tempo é falar con vantaxe, tamén o sei, e iso sería certo se fose a primeira das veces, mais... non é a primeira nin asemella que sexa a última mentres non deixen de utilizarse argumentos que nada teñen que ver co ben das persoas e non coa bandeira da terra queimada tras da guerra (seica estamos nela). A sensación de que os argumentos que para uns son cuestións de estado vólvense estraños e punibles se veñen doutra dirección.

E así estamos, entre presidentes que esconden material de protección ou ofrecen respiradores que despois exixen a gobernos non amigos escondéndose tras frases de dobre sentido e argumentando que a pandemia no noso país estaba baixo control para automaticamente insinuar que foi debido a factores externos e de novo cun gran xiro de veracidade volverse íntegro e pedir que non se estigmatizara a ninguén (sacar peito, tirar a pedra, esconder a man) ou presidentes que nas medidas de prevención e confinamento (cando o barco xa ía pola terceira ruta turística) impoñen un camiño único no que acabamos embarrados até as orellas, sen especificidades, sen diferenzas. Metéronnos a cachón por unha porta estreita que non aguantou a presión e rompeu en mil anacos e agora dinnos que podemos saír con coidado, iso si, para que a porta non sufra danos. Inxenuos? Quizais, temerarios?

Nalgún lugar do Atlántico están as ruínas físicas do buque, nalgún lugar da memoria están todas as persoas, PERSOAS, que faleceron por mor dun estilo de vida e de usura con aroma de incontinencia.

Comentarios