Opinión

Corpos colonizados

Observando os anuncios das estradas de Guatemala, semella que esteamos en Estados Unidos. As persoas que aparecen en ditos anuncios son altas, esbeltas e loiras, con can ou cadela Golden Retriever incluída-o. 

Observando os anuncios das estradas de Guatemala, semella que esteamos en Estados Unidos. As persoas que aparecen en ditos anuncios son altas, esbeltas e loiras, con can ou cadela Golden Retriever incluída-o. Os modelos que a publicidade utiliza para vender produtos son o reflexo dos corpos que a sociedade considera atractivos. No caso de América Central, iso pon de manifesto o peso que ten o racismo simbólico. E é que, aínda que a maioría das persoas son indíxenas ou mestizas, o rostro do éxito é branco. 

"Observando os anuncios das estradas de Guatemala, semella que esteamos en Estados Unidos. As persoas que aparecen en ditos anuncios son altas, esbeltas e loiras"

Sendo unha vasca branca, de esquerda e antirracista, é fácil chegar a América central e sentir piedade diante dese racismo que a sociedade interiorizou. Vendo os tacóns altos que levan as mulleres, observando a tendencia da maioría a alisarse o cabelo de por si rizado, pensei: “Por desgraza, os seus corpos aínda están colonizados”. Mais despois pregunteime a min mesma: “E o meu corpo, está colonizado?”. 

En Centroamérica tiven un sentimento depreciábel e inconfesábel. Aínda que odie recoñecelo, sentín que me gusta ser alta e delgada en comparanza coa maioría da xente de aquí. Non sempre, pois neste sistema capitalista heteropatriarcal as mulleres nunca estamos satisfeitas de todo cos nosos corpos. Algunhas veces, a pel, o cabelo e a sensualidade dos corpos das mulleres latinas fixéronme sentir envexa. Xa sei que ese é un estereotipo con tintes racistas, mais é difícil substraerse á influencia dos estereotipos. De igual maneira, se estivera en Suecia, sentiríame demasiado pequena e redonda. Non é casualidade que o canon de beleza dos países ricos sexa o que se impón tamén nos países pobres. Ao colonialismo político e económico hai que engadirlle o simbólico. Ter un discurso político concreto non elimina automaticamente e por completo as trazas de racismo, sexismo e colonialismo na nosa relación cos corpos. 

Mais tamén sucedeu outra cousa: como en América Central a maioría das mulleres son máis baixas e recheas ca min (úsase a palabra chaparrita-o para describir este tipo de corpo), tiven a oortunidade de desexar eses corpos alonxados do estrito canon da esbeltez. 

<"En ámbitos feministas fálase cada vez máis da “gordofobia”; de non depilarse, da sexualidade de persoas con algunha discapacidade ou das mulleres máis maiores". 

Pensade: ademais do noso corpo e a nosa autoestima, tamén o noso desexo está colonizado. Os medios de comunicación transmítennos que os corpos atractivos son os delgados, altos e novos. Que a pel non debe ter enrugas, sucos nin pelo. As feministas reivindicamos o dereito a non depilarse, mais hei de admitir que me costa desexar un corpo de muller con moito pelo. E como eu son veluda (cando non me depilo), o feito de que non me gusten as mulleres veludas indica que rexeito o meu corpo tal e como é. 

Podemos pensar que non ten sentido racionalizar acerca do funcionamento do desexos, mais creo que é importante observar a influencia dese modelo hexemónico na estética e, superando estereotipos, investigar sobre a forza erótica das distintas clases de corpos. 

En ámbitos feministas fálase cada vez máis da “gordofobia”; de non depilarse, da sexualidade de persoas con algunha discapacidade ou das mulleres máis maiores. Paréceme absolutamente necesario reivindicar politicamente a pluralidade dos corpos, os desexos e as prácticas sexuais, ¿mais de verdade conseguimos poñer en dúbida os ríxidos estándares de beleza e abrir as fronteiras do erotismo? Como di o Txokorro feminista (podedes ver o video en Youtube), no verán pode ser un bonito desafío mandar á merda a operación bikini e descolonizar corpos e desexos. 

*Publicado en euskera en Argia. Tradución María Laxe. 

Comentarios