Opinión

A saúde dos homes tamén con perspectiva de xénero

Cada 8 de marzo aparecen reivindicacións sobre por que non se conmemora o día do home ou por que non se lles presta atención aos problemas que afectan de xeito máis frecuente ou máis grave aos varóns. Case sempre estas reflexións non parten dunha preocupación real e o que tratan é de desprestixiar e lixar a loita feminista, como as declaracións coas que nos agasallou o propio 8 de marzo a presidenta madrileña. Porén, o argumento que lles parece tan xenial non fai senón darnos aínda máis a razón ás feministas, porque o motivo por tras dos datos que afectan aos homes é tamén o patriarcado.

Centrándome nas cuestións de saúde mental, hai tres cifras que son bastante rechamantes e sobre as que si que creo que cómpre unha ollada con perspectiva de xénero: as cifras de suicidios consumados, as de consumo de substancias e, relacionada con esta última, a de mortos en accidente de tráfico. Nos tres casos, a esmagadora maioría das vítimas son homes. 

En primeiro lugar, ás veces é difícil identificar sequera os homes como colectivo ou ser home como factor de risco, de tan interiorizado como temos o masculino como neutro. Só cando miramos os datos un pouco máis de preto saltan as alertas. Cando falamos por exemplo de consumo de substancias ilegais, tendemos a pensar por exemplo en tramos de idade, cando en realidade o factor común para as adiccións é o xénero masculino. 

Os homes exercen máis violencia, non só contra as mulleres, senón tamén contra outros homes e contra si mesmos, sexa por activa ou por pasiva. Sexa tendo comportamentos claramente autodestrutivos, como a conduta suicida ou o consumo, como con condutas temerarias como conducir a alta velocidade ou intoxicados. Isto, por suposto, non ten nada que ver coas reivindicacións do feminismo e si moito coa ideoloxía de xénero, que prescribe como obrigatorios para os homes comportamentos pouco saudables, cando non autolesivos. 

Os mesmos roles de xénero que discriminan as mulleres prexudican tamén a moitos homes, impedíndolles buscar axuda ou empurrándoos a condutas temerarias e nocivas. En lugar de buscar tratamento para os seus problemas de saúde mental, moitos homes ocúltanos ou recorren a substancias, legais ou ilegais, para aliviar o malestar. Se cadra non estaría de máis recuperar o día do home (19 de novembro) para concienciar sobre todos estes efectos secundarios do patriarcado.

Comentarios