Opinión

As palabras importan

Mañá é 8 de marzo, día Internacional da Muller. Aínda que esta data conmemórase dende hai máis de cen anos, a mediados dos 70 a ONU recoñeceu a efeméride pero quitando o de "traballadora". Podería parecer que resulta máis inclusivo, porque non reduce a reivindicación unicamente ás mulleres que realizan traballo remunerado, pero en realidade o adxectivo traballadora vai máis aló. Fai referencia a todos os labores que realizamos as mulleres, estean ou non recoñecidos, e moi especialmente á carga de traballo polo que non se percibe salario ou polo que se cobra menos, aínda a día de hoxe. Quitalo da nomenclatura oficial implica descafeinar o significado da data, de orixe obreira e con perspectiva de clase. Só a pequenísima porcentaxe mundial de mulleres que realmente non traballan, que poden vivir de rendas ou do traballo alleo, poderían sentirse non incluídas nesta data.

Outra palabra que tamén é importante é a de "celebración". Na Galiza somos moi de conferirlle un carácter festivo a calquera xuntanza, e en calquera manifestación aparecen axiña pandeiretas e xantar popular, o cal é marabilloso porque unha cousa non quita da outra, pero realmente non se trata dunha celebración, senón dunha reivindicación. Que nos feliciten a data ou que nos agasallen flores o 8 de marzo achégao máis ás prácticas capitalistas asociadas a días como San Valentín que ás multitudinarias manifestacións pro dereitos do 8 de marzo ou do xuño LGBTQI+.

Por suposto, a inmensa maioría da xente que felicita o 8 de marzo non o fai con mala intención, senón porque o asimila a outras datas sen carga reivindicativa. Non é necesario estar facendo constantemente pedagoxía, pero si cómpre lembrar ás institucións que apoiar o 8 de marzo non pasa por programar festas, eventos e concertos que moitas veces caen nos mesmos discursos machistas que pretendemos combater (lembremos os sorteos de electrodomésticos ou tratamentos de beleza que se fixeron virais en redes). 
Por todo isto, as palabras importan. Importa a palabra traballadora e importan as palabras reivindicar, conmemorar ou combater. Segundo como empreguemos as palabras, a mesma data pode constituír un fito na loita feminista ou podemos deixar que se converta nunha festa baleira de contido ou peor aínda, nunha celebración dos mesmos estereotipos e prexuízos que pretendemos erradicar. Quitar o de "traballadora" non é casual.

Comentarios