Opinión

Medios

O tratamento que se lle dá a certos temas nos medios de comunicación marca de xeito determinante as opinións que ten a poboación sobre eles. A atención selectiva dos medios pode crear un problema da nada, como vemos estes meses coa suposta ocupación de vivendas, ou silenciar situacións dramáticas e reais, por exemplo as crecentes taxas de exclusión social e pobreza. Se tivese que guiarme pola miña experiencia persoal, diría que o tratamento das xornalistas coa doenza mental é de interese auténtico, respecto e exquisito coidado. Porén, se comparo a miña vivencia e a miña relación coas xornalistas que ao longo dos anos se interesaron polo tema co tratamento que vexo nos grandes medios, esta ilusión esváese.

A pesar dos intentos dalgúns profesionais e colectivos de pacientes para loitar contra o estigma que rodea as enfermidades mentais, continuamos a ver noticias que reflicten unha e outra vez nestes preconceptos. Se se comete un crime e o presunto autor recibía tratamento farmacolóxico, a noticia apresúrase a sinalalo, aínda que a meirande parte das veces non teña nada que ver co suceso. De ser o acusado diabético ou hepatópata, non se detalla o tratamento que segue. Cando é a vítima dun delito a que padece algunha doenza mental, este feito esgrímese para poñer en dúbida o seu testemuño. Na situación oposta, se as circunstancias dun suceso son particularmente escabrosas ou estrañas, de seguida se especula cunha posible doenza psíquica.

Deste xeito, vaise creando unha idea de que as persoas con padecementos psíquicos son violentas, inestables e pouco de fiar. Son raras as ocasións nas que se desminte a suposta enfermidade dun delincuente, e menos aínda nas que se establece unha relación directa entre a enfermidade e o crime. Así, quedamos coa idea errada de que coñecidos sucesos teñen detrás patoloxía de tipo psíquico, cando realmente non é así. A realidade, teimuda, é moi diferente. As persoas con doenzas mentais cometen en xeral menos actos violentos que aquelas que non as padecen, e son con máis frecuencia vítimas de delitos. As mulleres con trastornos psíquicos, en concreto, son con maior frecuencia vítimas de violencia de xénero e sexual. Por outra banda, as taxas de paro e pobreza neste colectivo son moi superiores á media. Como dixo Malcom X, se non estás prevido, os medios de comunicación poden facerche amar o opresor e odiar o oprimido.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios