Opinión

Maxia

Non sei se tiveches a oportunidade de aprecialo, pero ultimamente estou observando un rexurdimento do interese pola maxia e as crenzas esotéricas de toda índole. Nalgúns casos como mera curiosidade ou fenómeno cultural e noutros como verdadeira crenza. A idea de que pronunciar certa palabra ou conxuro pode condicionar as nosas vidas nace xa na Antigüidade, e a maxia tal e como a coñecemos tivo un éxito sen precedentes nas culturas clásicas. O cristianismo non foi quen de eliminala, aínda que o considera un xeito de superstición pagá.

Nas épocas de crise é frecuente que aumenten as crenzas esotéricas de todo tipo. Nos derradeiros estertores do imperio romano floreceron as seitas salvíficas, como o culto a Isis, Mitra ou o propio cristianismo. Tamén a filosofía estoica pasada polo cribo romano, desposuída da parte máis social e convertida nunha "tecnoloxía do eu", que diría Foucault. Neses momentos de empeoramento das condicións de vida, con máis pobreza, máis inestabilidade e máis temor, as persoas buscan vías para a salvación individual, sexa neste mundo mediante a postura resignada e digna do estoicismo, sexa no outro mediante a promesa de que moito sufrimento aquí equivale a acadar o ceo despois da morte que propoñen as relixións orientais.

No momento actual poderiamos pensar que estamos nun novo momento de crise no que a confianza no comunitario e no colectivo acadou mínimos, e as persoas tenden a refuxiarse en crenzas, ben filosóficas ben esotéricas, que lles proporcionen unha guía para acadar a felicidade a título individual. Por unha banda parece unha visión do mundo adaptativa (preocúpate só do que está ao teu alcance modificar) pero por outro entraña o perigo de desentendernos do outro. De esquecer que os problemas colectivos requiren solucións colectivas.

A moda do horóscopo é inofensiva e moitas das persoas que se interesan por estes temas non manteñen unha crenza firme neles, no sentido de que non articulan as súas vidas dependendo da posición de Mercurio en Xéminis. Podemos entendelo máis ben como un síntoma, como un movemento evasivo ante a senda de incerteza e abandono institucional que están vivindo moitas persoas. Ás veces é mellor crer que existe unha forza superior e misteriosa que controla os nosos destinos (os astros, o karma…) que asumir a terrible verdade: non hai ninguén ao volante.

Comentarios