Opinión

Investigación e precariedade

As semanas anteriores falamos dos problemas económicos e de equidade que supón o desenvolvemento privado das vacinas, ou peor, privado financiado con cartos públicos. Sabemos que existe unha vacina en desenvolvemento por parte dun organismo estatal, o CSIC, e dúas galegas, desenvolvidas por grupos da USC. Destas, á penas se fala nos medios. Pero cal é a situación das traballadoras da ciencia en Galicia? A pesar de que puidese parecer que coa pandemia aumentou a importancia social que lle concedemos á investigación, e polo tanto o financiamento que recibe, nada máis lonxe da realidade: segue a ser un eido marcado pola inestabilidade. En 2020 xorde Investigal, unha plataforma creada e conformada por investigadores galegos que loita contra a precariedade endémica deste sector e contra outros problemas, como a desigualdade de xénero. Fan tamén un labor divulgador do traballo que realizan.

A elevada eventualidade dos contratos e os baixos salarios que se perciben, alén do traballo non remunerado, son as condicións habituais na carreira investigadora. Semella que lle damos moita importancia á ciencia, pero non ás científicas. Non vén para axudar a nova Lei da Ciencia do Ministerio, que precariza aínda máis as traballadoras coa coartada da excelencia: só os excelentes, os mellores de cada campo, son captados polo sistema. Isto tradúcese na realidade en que só os que cumpren uns estritos (e xeralmente arbitrarios) criterios de "excelencia" parecen ter dereito a unhas condicións laborais dignas, que deberan garantirse para calquera traballadora.

A excelencia é unha trampa que fomenta a autoexplotación, a corrupción, a competencia desatada e a ausencia de dereitos laborais, como se facer ciencia non fose un traballo como outro calquera. A estabilidade laboral e a remuneración non poden ir ligadas a criterios de excelencia, senón ao feito en si de desenvolver un traballo. Como ocorre no eido sanitario coa vocación, o sistema téndenos trampas para convencernos de que certas profesións pretendidamente prestixiosas non se rexen pola mesma regulación laboral que o resto.

As científicas deben ter dereito a salarios dignos, a empregos estables e a non sufrir discriminación. Tamén a poder desfrutar de permisos de maternidade sen que se penalice a súa carreira profesional. En suma, teñen os mesmos dereitos que o resto de traballadoras, sexan ou non excelentes, signifique isto o que signifique.

Comentarios