Opinión

Humanizar a sanidade

Este mesmo xornal informaba hai poucos días do aumento de queixas ante a Valedora do Pobo no 2023. Un 17% correspóndense con problemas referentes ao sistema sanitario, especialmente á Atención Primaria e ás listas de agarda. Reclama a defensora "humanizar a sanidade". Tras décadas de escoitar este mantra, parece que quen organiza a asistencia continúa sen entender que non hai outra maneira de humanizar a atención sanitaria que contratar máis humanos.

Os medios técnicos son imprescindibles para realizar o noso traballo, pero moitas das tarefas que realizamos só poden ser desempeñadas por persoas, polo menos a día de hoxe. A diminución das listaxes de agarda das operacións cirúrxicas, das médicas de cabeceira e da saúde mental só se vai lograr se hai máis cirurxiás, médicas de familia e persoal de saúde mental.

Cando falan de "humanizar", dalgún xeito verten a responsabilidade sobre as traballadoras e non sobre o sistema, como se houbese algo que estamos facendo de xeito "pouco humano". Como se o problema fose que non somos o suficientemente amables, non sorrimos o suficiente ou non facemos o noso traballo o suficientemente rápido. E si, posiblemente as axendas interminables fagan que en ocasións non sexamos suficientemente amables ou non sorriamos todo o que sería desexable. Tamén poden facer que, tras unha hora na sala de agarda, a consulta dure tres minutos. Este é o tempo que o sistema asigna para resolver unha demanda de saúde.

Estas cifras tamén teñen outra lectura: a calidade do sistema sanitario é unha prioridade da cidadanía. É o suficientemente importante para tomarse o tempo de facer chegar unha queixa á oficina da Valedora. Cando a sanidade malfunciona, convértese nunha preocupación de primeira orde, porque é un dos piares xunto co ensino que garanten unha certa xustiza social. As listas de agarda e os problemas de acceso á Atención Primaria non afectan a todo o mundo por igual, as persoas con máis recursos recorrerán a medios privados se non se soluciona con rapidez o seu problema.

E que pasa con quen non ten estes medios? Unha lista de agarda non é só o tempo padecendo unha lesión ou enfermidade antes de ser valorada ou intervida, senón tamén o risco de empeoramento da patoloxía. Humanizar a sanidade pasa por entender que o que fai que a atención sexa de calidade son, en moi grande medida, os medios humanos.

Comentarios