Opinión

Estabilidade

Falaba a semana pasada do desastre de Cambados e de como o problema da falta de persoal sanitario non ten que ver con demandas salariais, senón con estabilidade. Hoxe quero afondar un pouco máis nas prácticas concretas que están impedindo que se cubran as diferentes áreas sanitarias, tanto en Atención Primaria como noutras especialidades. Falo sobre todo de persoal médico, que é o que coñezo de primeira man, pero pode estenderse tamén a enfermería, coas súas particularidades.

Detrás do discurso de "non hai médicos" o que se agacha é unha resistencia feroz a estabilizar contratos, a pesar de que existen sentenzas da Unión Europea que obriga ao Sergas a diminuír a temporalidade e é certo que, a golpe de xulgados, si se fixeron sentir algúns avances. Se na miña xeración era habitual pasar anos ou décadas encadeando contratos de meses, os residentes que rematan agora ven o seu primeiro contrato indefinido nun par de anos. Isto supón aínda así meses ou anos de contratos eventuais nun sistema que berra que non hai sanitarias. Unha das solucións propostas son os "contratos de estabilidade" para os residentes de Medicina de Familia e Comunitaria que rematan a súa formación. A "estabilidade" tal e como a entenden as Xerencias consiste nun contrato dun ano no curso do cal a profesional está obrigado a cubrir calquera demanda na súa área de saúde: un día en Cee, dous en Carballo, unha semana na Laracha e un sábado na Coruña, por exemplo. É unha mellora porque hai uns anos serían contratos de días ou horas, pero nun panorama de falta de profesionais é comprensible que moitos residentes rexeiten estas condicións. Non parece razoable non saber onde vas traballar mañá, e dende logo non é estabilidade. Por outra banda, continúan a existir, aínda que en menor medida, contratos de semanas ou meses para cubrir prazas estruturais, sen que ninguén saiba exactamente por que. Isto en servizos que se viron obrigados a pechar unidades por falta de profesionais. Outra práctica habitual é a de denegar vacacións previamente concedidas por imposibilidade para cubrilas. Polo tanto, o que está detrás da suposta falta de sanitarias é en realidade un maltrato constante tras o esgotamento de dous anos de pandemia. É a convicción de moitas de nós de que a estabilidade pasa por marchar. É a imposibilidade de volver sen unha mínima garantía de continuidade. E resulta que non hai sanitarias.

Comentarios