Opinión

Disciplina

Para moitas de nós, setembro é cando realmente comeza o ano. Continuamos pensando en cursos escolares e polo tanto este mes ten moito de comezo, de planificación e de novas expectativas. Tamén ten moito, igual que xaneiro, de propósitos.

Estatisticamente os propósitos máis frecuentes teñen que ver coa saúde, como comer de xeito máis saudable ou realizar exercicio físico. En segundo lugar, estarían aqueles relacionados con actividades formativas, como aprender un idioma. O motivo polo que moitas persoas cren que fracasan unha e outra vez nos seus obxectivos ten que ver coa narrativa da disciplina: non teño forza de vontade, dáme preguiza, comezo pero non remato as cousas… Isto atribúe á tarefa escollida un nesgo negativo. Primeiro, asóciase á de deber e ademais recíbese a sensación de que non conseguir realizala é debido a algún tipo de eiva de carácter.

Facer as cousas por pura disciplina xeralmente é pouco realista, aínda que ás veces sexa necesario facer "o que toca". Nunca admiramos a forza de vontade de quen se ergue cada día para ir traballar porque non lle queda outra. Aí non hai vontade senón obriga. Para o que precisamos disciplina é para o accesorio, para o que podemos facer ou non segundo a nosa motivación ou o noso ánimo. Polo tanto, considerar obrigas precisamente o que non o son está condenándonos ao fracaso antes de comezar.

En lugar de pivotar sobre a disciplina, adoita ser máis eficaz un enfoque baseado na planificación: ao cerebro humano non hai nada que lle guste máis que unha boa rutina, estable e repetitiva. A idea de crear un hábito pode ser moito máis potente que a de obrigarse a facer algo. Non é casual que moitas empresas empreguen a idea de ritual para vendernos cousas: as rutinas de beleza, de coidado ou de ir para a cama son xeitos de converter actividades en principio neutras e mesmo tediosas en momentos agradables.

Outro factor que pode axudar é o de cuantificar cantas veces facemos algo. As rutinas, para ser tales, non teñen por que ser ríxidas e inmodificables. Pode ser que alguén teña un ritual de limpeza facial de cincuenta e catro pasos, pero é importante que sexa suficientemente flexible como para abrevialo se un día non durme na casa ou está especialmente cansa, por exemplo. Cos novos hábitos pasa o mesmo, é importante ser constante pero tamén ter unha marxe de flexibilidade para non desmotivarnos ao primeiro contratempo.

Comentarios