Opinión

Día Mundial da Saúde Mental

Neste 2023, o lema escollido para o Día Mundial da Saúde Mental, que se conmemora cada 10 de outubro, foi Saúde Mental, saúde mundial: un dereito universal. Cada ano, o lema escóllese mediante votación e fai referencia a temas de actualidade arredor da saúde mental.

Este ano a alusión á universalidade resulta moi acaida porque fai referencia a diferentes situacións coas que nos atopamos as profesionais e as usuarias. Por unha banda, nos países en vías de desenvolvemento o acceso a servizos de saúde mental é irregular e moitas veces dificultoso ou imposible para a meirande parte da poboación. O estigma, a falta de políticas públicas fai que moitas persoas fiquen excluídas da atención sanitaria. Ademais, continúan a existir ideas erradas que colocan o sufrimento psíquico como un problema secundario no eido da saúde.

Os estados con escasos recursos moitas veces son reticentes a empregar fondos públicos nestes asuntos porque consideran que existen enfermidades máis urxentes. En realidade, a OMS coloca a depresión como o trastorno que máis anos de vida saudables resta e maior discapacidade produce a nivel mundial. Outro problema é que en moitos lugares nin sequera existen mecanismos eficaces para cuantificar a magnitude dos padecementos psíquicos, o cal dá como resultado que se reforza o estereotipo das enfermidades mentais como problemas de países ricos: os problemas da xente que non ten verdadeiros problemas. O que non podemos contar, non o vemos.

Nos países chamados desenvolvidos atopamos outro tipo de dificultades no exercicio de dereitos, polo que o lema escollido tamén fai referencia a situacións que vivimos na nosa contorna. As persoas con problemas de saúde mental atopan máis obstáculos para acceder ao sistema sanitario, para reivindicar os seus dereitos e con máis frecuencia son obxecto de discriminación e de tratos vexatorios ou coercitivos por parte de profesionais. Sobre todo se son mulleres, un diagnóstico psiquiátrico moitas veces provoca que calquera síntoma doutras esferas sexa atribuído a unha causa psíquica, cos conseguintes atrasos diagnósticos que 
isto provoca. 

De diferentes maneiras segundo o contexto, debemos continuar loitando para que a saúde mental sexa realmente un dereito universal, sexa cal sexa o lugar no que nos toque nacer.

Comentarios