Opinión

A Terra é un trompo

Mañá venres ás 4.27 horas producirase o solsticio de inverno do ano 2023. O día do solsticio sabemos que é o máis curto do ano, ou como se di popularmente, que pola santa Lucía (13 de decembro, unha data aproximada) mingua a noite e medra o día. En realidade, o momento astronómico exacto correspóndese ao instante no que o eixo da Terra está máis inclinado con respecto ao Sol, o que fai que os raios acaden o planeta con maior inclinación e a luz e as temperaturas diminúan.

Chega o inverno. Se pensabades que as estacións viñan determinadas pola maior ou menor distancia entre a Terra e o Sol, ao ser a órbita do noso planeta unha elipse, sinto dicirvos que volo explicaron mal no colexio. Ademais da rotación e a traslación, a Terra executa un terceiro movemento chamado precesión, que é unha desviación circular do seu eixo semellante á dun trompo cando xira. O eixo terrestre tarda máis de 25.000 anos en rotar completamente e traza unha circunferencia de máis de 36.000 km.

Aínda que parecería que un efecto deste tipo só puido descubrirse con telescopios modernos, o certo é que, como para case todo, no caso da precesión tamén houbo un señor grego que o observou simplemente co ollo espido, un pao e moito tempo libre. Foi Hiparco de Nicena, que no século II a.E.C. describiu este fenómeno e realizou medicións da súa magnitude con sorprendente precisión.

Se as cifras non son suficientemente mareantes, aínda hai máis. O movemento do globo terrestre que mellor coñecemos e que máis estable nos parece é a rotación, que produce os períodos de días e noites, pero tampouco este xiro é tan constante como nos parece. De feito, a causa da propia forza gravitatoria, os días son progresivamente máis longos, cun aumento infinitesimal. Se a Terra seguise xirando sen fin, sen ser afectada por ningún grande evento cósmico, finalmente deteríase ofrecendo sempre a mesma cara ao Sol, do mesmo xeito que sempre vemos a mesma cara da Lúa. Porén, nas últimas medicións rexistrouse unha leve diminución da duración dos días. Como pode ser isto? Semella que o desxeo dos casquetes polares e outros cambios no planeta pode provocar este desaxuste, que aínda así non é suficiente para contrarrestrar a tendencia xeral a longo prazo.

Así que estas festas, entre carbohidratos e panxoliñas, reservade un momento para lembrar que tamén celebramos que os días medran de novo. Feliz Solsticio!

Comentarios