Opinión

Escribir o que sentimos e o que sabemos

Para converter o xornalismo no oficio máis fermoso do mundo cómpre pór o foco en estratexias dirixidas a promover un cambio de valores sociais que contribúan á supresión de roles e estereotipos de xénero.

Neste mes de outubro fanse 10 anos da folga na CRTVG para reclamar unha lei contra a privatización da produción e a precariedade laboral neste servizo público, ademais de advertir das manipulacións informativas. Seguiron máis xornadas de greve e 180 Venres Negros promovidos por Defende a Galega. 

Mais persisten as externalizacións de programas con contido machista e foráneo que afondan na mala praxe e incumpren os principios da perspectiva de xénero e do uso da linguaxe non sexista que deben rexer este ente. Lembremos que tamén ten, entre os seus fins, a defensa da identidade e da nacionalidade galegas, a liberdade de expresión, obxectividade, veracidade e imparcialidade da información.

Desde o xornalismo pódese dar voz a profesionais galegas concienciadas para conseguirmos unha sociedade máis xusta e equitativa. Nese sentido, a asociación Xornalistas Galegas conta cunha Axenda de Expertas ademais dun Observatorio de Medios para estender lazos de sororidade.

Mentres imperan princesas Disney, na memoria colectiva das galegas figuran Pepa a Loba, a Raíña Lupa, María Soliña e a fada Morgana ben retratadas como mulleres empoderadas e independentes. Sen esquecer as mouras que tanto constrúen dolmens como deixan pedras en equilibro, temos a Maruxaina, sereas reivindicativas e unha Penélope que se rebela contra o patriarcado no poema de Xohana Torres, autora valente que tivo un programa radiofónico como “Raíz e tempo” emitido en galego de 1963 a 1975, en plena ditadura, e que serviu de altofalante para a creación cultural e artística do noso país con visión feminista.

Un flashback para recoñecer a seiva feminista nas crónicas das que se rebelaron pola defensa da terra e contra as inxustizas, porque iso fai parte das nosas cookies como galegas. Labregas das Encrobas erguéronse contra a expropiación, como antes fixeron aquelas que pagaron coa morte as revoltas contra o caciquismo en Oseira, Nebra, Trasancos, Sofán, Sobredo, Salcedo ou O Saviñao.

Difúndese propaganda feminista de J. Howard Miller e de Nina Vatolina mentres se invisibiliza a elaborada polas mulleres das Irmandades da Fala, con perspectiva de clase e de pertenza a este país, cando tiñan 200 asociadas na Coruña e incluíron a loita pola igualdade de dereitos nos manifestos das Asembleas Nacionalistas de 1918 e de 1919.

Co dereito ao sufraxio, na campaña do Estatuto do 36 apelouse ás mulleres para que fosen as primeiras en marcar o camiño das urnas e a prensa recolleu anuncios para que elas votasen a favor no plebiscito.

Cando transcende a folga de “Pan e Rosas” de Massachusetts, aquí houbo autoorganización para crear a Sociedade de Atadeiras e Conserveiras “A Reivindicadora” con 130 mulleres que secundaron un paro de tres meses e conseguiron reducir as 75 horas semanais e incluír cadanseu nome no contrato, en vez do seu parentesco cos mariñeiros. Resisten vivas cantigas como “Na fábrica Massó, estou deixando a vida, mira Maruxiña, mira como veño eu; de tanto empacar sardiña, traio as manciñas perdidas, mira Maruxiña, mira como veño eu”.

Non chegaron as Redstockings nin Pussy Riot, mais bailamos coas Tamborililás e Punkiereteiras e a revista Andaina vai facer 30 anos. Temos heroínas como as Marías que usaron o seu colorido contra a represión franquista, as mulleres nómades que perderon os fogares asolagados nos encoros son o noso Movemento sem terra e as últimas matriarcas das pallozas dos Ancares que nunca pasaran friaxe ata mudaren á casa de ladrillo que lles anunciaran como o progreso. 

Un silencio mediático sepulta todo iso e os logros feministas nas condicións laborais do gran xigante do téxtil, as pintadas fascistas que sofren os murais lilás ou o estarrecedor dato de que un de cada cinco mozos cre que a violencia de xénero é un invento ideolóxico. A vixente Lei Mordaza, sen dúbida, provocaría o exilio da autora da Xustiza pola man porque aínda hoxe, o teito de cristal, non lles permite ás mulleres escribir o que senten e o que saben.

Comentarios