Opinión

A crise é a normalidade

O impacto económico da pandemia estase a desenvolver no marco dunha crise que se ven arrastrando desde hai tempo, onde o investimento na economía real continua a minguar perante a volatilidade especulativa e a financiarización da economía. O que a pandemia evidenciou foi a incapacidade do mercado que, por si só, non é quen de atender masivamente as necesidades mundiais nin de fornecer solucións para afrontar esta ou outras catástrofes vindeiras. Comprobamos, unha outra vez, que o mercado produce o que se pode vender e o que dá beneficios a curto prazo, sen preocuparse polas carencias que non dan rendibilidade.

Se na crise de 2008 as grandes fortunas mundiais tardaron cinco anos en recuperar o nivel de riqueza previo á mesma, na actual pandemia só precisaron de nove meses para superar entretollos e incrementar a súa riqueza en case catro billóns de dólares. Porén, é moi probábel que a xente que caeu na pobreza tarde máis dunha década en albiscar unha saída. Con certeza que o gran capital sabe situar as estruturas políticas ao seu servizo para actuar fóra de todo control; a banca e as enerxéticas están a ser unha boa mostra. Sempre, para garantir o medre dos beneficios, cando a nivel mundial as taxas de crecemento son baixas, as oligarquías cargan sobre as costas da cidadanía toda a responsabilidade das crises.

Coa complicidade dos gobernos, contéñense ou rebáixanse os salarios; intensifícase a explotación laboral; precarízase o emprego; limítase a negociación colectiva; externalízanse actividades e deslocalízanse empresas. Tamén se saquean os bens e servizos públicos, en beneficio da empresa privada. Na mesma liña, transfírense recursos desde as clases populares cara aos ricos e privilexiados, mediante sistemas impositivos regresivos, nos que os que máis teñen son os que menos pagan; elimínanse servizos e gastos sociais facilitando e incentivando a actuación e a libre circulación dos capitais, mentres se limita a dos seres humanos que queren fuxir da pobreza.

Hai un mes, a FAO publicaba un informe sobre o prezo dos alimentos no que amosaba que estes aumentaron o 40% nun ano, o maior incremento desde 2011. Unha suba que vai golpear duramente tanto os países en desenvolvemento, dado que a maioría son grandes importadores de alimentos básicos, como as capas máis desfavorecidas da poboación mundial. Hai tamén un mes, a OIT publicou o seu informe anual, Perspectivas Socias e de Emprego no mundo: tendencias 2021, que confirma a perda de centos de millóns de postos de traballo así como o empeoramento dos desafíos estruturais e das desigualdades de larga duración no mundo do traballo, socavando os avances na redución da pobreza, na igualdade de xénero e no traballo digno.

A crise climática e medioambiental é a outra cara deste saqueo global e da impunidade coa que se esfarela a vida en aras da acumulación do capital. A escala de degradación e de destrución está a acadar un ritmo e nivel alarmantes. A intensificación da contaminación, da deforestación, das mudanzas nos usos da terra e o modelo enerxético están a provocar que dos oito millóns de especies de plantas e animais, un millón estean en perigo de extinción ou que a cantidade de insectos silvestres teña diminuído un 50%. Esta apropiación ilimitada e sen trabas non só está desposuíndo de bens e recursos as xeracións actuais, senón que está hipotecando a capacidade de resposta das xeracións vindeiras e do propio planeta. De seguir impulsando este modelo, cada vez será máis difícil a transición a outro máis xusto e sostíbel.

Estas e outras consecuencias sociais e ambientais son o resultado dun modelo económico falido, ancorado na ideoloxía neoliberal e no secuestro democrático por parte das elites, que potencia a desigualdade, a depredación, o patriarcado, o racismo estrutural e as relacións imperialistas. E, por isto, semella de sentido común procurar unha normalidade baseada nun modelo de economía social e de participación democrática; potenciar e blindar os servizos públicos; combater a especulación financeira, os paraísos fiscais e implantar políticas redistributivas; pular polo feminismo e o recoñecemento da economía dos coidados, frear o crecemento depredador e defender a soberanía dos pobos.

Comentarios