Opinión

Teoría do Entroido

Nun meme ubicuo nas redes sociais, un Spider-Man apunta co dedo outro Spider-Man, ou varios Spider-Man apúntanse co dedo entre si, expresando unha similaridade sorprendente. É a sensación que temos cando descubrimos que os entroidos tradicionais galegos, que sempre tivemos por únicos, existen con poucas diferenzas en lugares recónditos de Bulgaria, de Irlanda ou de Marrocos. As mesmas chocas nos cadrís, as mesmas fitas de cores, os mesmos animais representados. Visitar a conta @kukerland en Instagram, do fotógrafo Ivo Danchev, é descubrir un parente descoñecido que se asemella moito a nós.

A descuberta de que non estamos sós na galaxia do Entroido fainos ver a festa con outros ollos. Se cadra, a palabra festa deixa de ser válida, porque agora entendemos que todos eses lugares –que só teñen en común certa ruralidade ou afastamento– son como restos fosilizados dunha besta antiga, ou pezas dun puzzle civilizatorio que, de estar completo, nos permitiría penetrar no universo cultural propio das sociedades agrarias da prehistoria e respondermos a eterna pregunta: "De onde vimos?".

As mascaradas de inverno son máis que festa. Son os restos da ritualidade dunha mitoloxía antiga, común a moitas culturas europeas, que nos fala da loita entre a luz e a escuridade e do eterno renacer da natureza. O oso que chega a Salcedo cos seus criados despois de hibernar é o portador da primavera, como os subversivos felos de Maceda ou os impoñentes peliqueiros de Laza. Como explicaba Marjorie Halpin en The Power of Symbols, a esencia da mascarada é que aqueles que manteñen a vida tradicional teñen o privilexio de a romperen, transformándose nos seus propios devanceiros.

En Galiza temos a fortuna de poder acompañar un folión que traspasa con solemnidade os límites da súa parroquia para renovar os vínculos de boa veciñanza coa parroquia limítrofe, ao son dos bombos rituais. A mascarada non é só a estética, é a execución da función. E, como en calquera outra ocasión social, a nosa obriga é non estorbar, ou participar na medida en que o demanden os oficiantes –este é o termo que emprega o antropólogo Rafael Quintía– para que, por moitos anos máis, se obre o milagre do Entroido.

Comentarios